Galiza achégase á CPLP coa Lei Paz Andrade na man

Galiza achégase á CPLP coa Lei Paz Andrade na man
Encontro de Braga
Encontro de Braga  

Por vez primeira a Xunta estivo representada nos encontros da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa.


Que a Xunta de Galiza, representada polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, estivese presente nos encontros da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa cun convite oficial recoñécese como un singular paso adiante no achegamento á organización que agrupa polo de agora só países con estado. Galiza actúa tamén de forma extraordinaria nun marco internacional ao amparo da Lei Paz Andrade que chegou ao Parlamento como unha Iniciativa Lexislativa Popular e foi aprobada por apoio unánime de todos os grupos políticos.

“Pode ser a primeira vez que o goberno galego asiste a un encontro internacional co recoñecemento de outros países e formalmente convidado"

“Pode ser a primeira vez que o goberno galego asiste a un encontro internacional co recoñecemento de outros países e formalmente convidado. Certamente nunca nunha reunión da CPLP se lle deu tanta visibilidade a un país que non está na propia CPLP”, valora Ângelo Cristóvão, secretário da Academia Galega da Língua Portuguesa, comprometida no acompañamento ao goberno para o desenvolvemento dos contidos da lei.

Ao seu ver, unha das claves de que os pasos adiante se consoliden cara á un maior relacionamento coa CPLP está no consenso que existe arredor da Lei e o cumprimento dos seus obxectivos. Significativa foi así a nutrida presenza na xornada “Perspectiva da lingua portuguesa” que organizou a Comissão Temática de Promoção e Difussão da Língua Portuguesa dos Observadores Consultivos da Comunidade dos Países da Língua Portuguesa en Braga o pasado 9 de outubro que, alén da Academia e a Secretaría de Política Lingüística, convocou o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, ademais do presidente da AGAL, Miguel Penas, ou representantes da Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística, a Universidade de Santiago ou dos docentes de lingua portuguesa.

"As grandes economías emerxentes son de fala portuguesa. O crecemento do PIB de Angola é o máis elevado do mundo e canda Moçambique, pola produción de gas, ou Brasil podemos dicer que estamos ante xigantes mundiais"

Coincide nese sentido Ângelo Cristóvão con Valentín García quen destaca o “acordo unánime que se conseguiu a repecto do portugués, que non se dá noutros ámbitos”. Non é o único punto en común dos seus discursos. Ambos dánlle especial relevancia ao interese económico dese achegamento a países cun desenvolvemento único no mundo. “Que Galiza atope un lugar nese contexto internacional é importantísico. A CPLP conta con países como Angola, Brasil ou Moçambique que na próxima década equipararanse na produción de gas e petróleo aos Países Árabes. A xente non manexa esta información, mais é preciso explicar que nos convén entrar nese espazo. Por motivos políticos, culturais, mais tamén económicos. Están medrando a un ritmo tremendo e temos que decidir se nos interesa ou non participar con eles”, valora Ângelo Cristóvão diante do que define como un “paso histórico” para Galiza.

"As posibilidades que se abren son inmensas. As grandes economías emerxentes son de fala portuguesa. O crecemento do PIB de Angola é o máis elevado do mundo e canda Moçambique, pola produción de gas, ou Brasil podemos dicir que estamos ante xigantes mundiais. Defendemos tamén esta perspectiva, da oportunidade econónima que nos dá a lingua”, afirma, pola súa parte Valentín García quen fía este argumento co feito de que fose precisamente un empresario quen defendese a Lei Paz Andrade no Parlamento.