'Declaración de Bilbo': demandar do novo goberno "pasos efectivos" na cooficialidade das linguas

'Declaración de Bilbo': demandar do novo goberno "pasos efectivos" na cooficialidade das linguas
A comisión asinante da «Declaracion de Bilbo».
Valentín García, SX de Política Lingüística é o terceiro pola esquerda da primeira fila.
(EuropaPress)
A comisión asinante da «Declaracion de Bilbo». Valentín García, SX de Política Lingüística é o terceiro pola esquerda da primeira fila. (EuropaPress)  
Representantes dos gobernos de Euskadi, Galiza, Catalunya, Nafarroa, Illas Balears e Valencia asinan en Bilbo unha declaración pola que as diversas institucións establecen o compromiso de traballar «no acordo e coa convivencia lingüística» polas diferentes linguas cooficiais.

A Comisión de Seguimento do Protocolo de Colaboración no ámbito da política lingüística, na que participan os gobernos de Euskadi, Galiza, Catalunya, Nafarroa, Illas Balears e Valencia, reclamou en Bilbo o impulso ás linguas cooficiais sobre a base do «acordo e convivencia lingüística».

A comisión realizou esta cuarta feira no Arquivo Histórico de Euskadi a súa reunión ordinaria anual. O obxectivo desta sesión era o tratamento de diferentes temas de interese para as políticas lingüísticas dos respectivos territorios, así como deseñar e coordinar accións conxuntas para promoveren as súas linguas propias.

No encontro, os gobernos dos seis territorios con linguas cooficiais do Estado español acordaron unha declaración coa que, segundo declaran, subliñan o seu «compromiso de seguir traballando por unha política lingüística eficaz», baseada no «acordo e a convivencia lingüística».

Representantes

A reunión contou coa presenza da conselleira de Cultura e Política Lingüística do Goberno vasco, Bingen Zupiria; a vicerreitora de Política Lingüística do Goberno vasco, Miren Dobaran; o director do Instituto Navarro de Euskera / Euskarabidea, Mikel Arregi; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; a directora xeral de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, Ester Franquesa; a directora xeral de Política Lingüística do Goberno das Illas Baleares, Beatriu Defior; e o director xeral de Política Lingüística e Xestión do Plurilingüismo da Generalitat Valenciana, Rubén Trenzano.

Temas

Entre os temas tratados na reunión atópase o próximo informe de seguimento sobre a aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias; a autorización directa de tradutores xurados ou solicitudes de tradución ao Ministerio de Política Territorial e Oficina de Idiomas do Goberno español; e a Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (NPLD), na que participan conxuntamente estes gobernos.

Tamén se abordaron temas como o Plan de Dinamización Lingüística e outros proxectos europeos, os Premios Arquímedes do Ministerio de Educación e Ciencia ou o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado.

Declaración de Bilbo

No mesmo acto, os representantes fixeron pública a Declaración de Bilbo, na que recordan que «comparten a perspectiva do multilingüismo, o respecto mutuo e a acción decisiva a favor das linguas en situación de maior febleza».

O texto subliña que os gobernos autónomos con linguas propias, «desde diversas sensibilidades e opcións políticas, actuamos desde a convicción de que a convivencia entre linguas e os seus falantes, o seu coñecemento e recoñecemento mutuo, así como o enriquecemento recíproco, son valores do máis fondo democrático».

Así mesmo, reivindicaron o compromiso das súas respectivas institucións de seguiren «traballando por unha política lingüística decidida e eficaz, baseada no acordo e coa convivencia lingüística e social como o norte».