Idioma invasor, por Xoán Costa

Idioma invasor, por Xoán Costa
Imaxe: José García Mosquera, primeiro tradutor do Beatus Ille para galego
Imaxe: José García Mosquera, primeiro tradutor do Beatus Ille para galego  

No número 104 de El Heraldo Gallego, publicado o cinco de xaneiro de 1876, topamos cunha extensa crónica asinada por Juan A. Saco e titulada “Poesía Galega Contemporánea”.

Sob este único título o autor realiza á vez dúas crónicas, unha literaria e outra sociolingüística ao tempo que salienta os defectos idiomáticos máis comúns nestes autores, sobre todo o uso abusivo de castelanismos.

Quéixase Saco da “invasión sen cesar crecente” do idioma castelán e de que o galego está “medio desterrado das poboacións de máis importancia”.

texto

E mentres a lingua decae, xorde con forza a literatura e unha “entusiasta pléiade” de mozos loita con forza para situar a literatura galega nun alto lugar na historia da literatura, ao tempo que provocan que sobre a nosa literatura poñan os ollos literatos de outros países.

Tamén vai a queixa contra o noso sistema editorial que provoca que moitos destes autores morran sen ver apenas publicada a súa obra: “Lástima causa, en verdade, que un bon número baixen ao sepulcro sen terse dado a coñecer na prensa”

Un destes esquecidos, daquela e de agora, é José García Mosquera de quen está próximo o 151 aniversario da súa morte (foi o dezasete de novembro de 1868), e ninguén lembra como poeta en galego e tradutor do "Beatus ille" de Horacio que publicou en Revista Gallega, a publicación fundada por Galo Salinas que durante doce anos, entre 1895 e 1907, foi emblema do rexionalismo liberal da cidade da Coruña e contou cunha nómina de colaboradores do máis alto nivel pois, como di Carvalho Calero, “nela colaboraron cáseque todos os escritores galegos do seu tempo”.