Jungle World apela á súa condición privada para xustificar a exclusión do galego


Jungle World apela á súa condición privada para xustificar a exclusión do galego

Através dun comunicado difundido na rede social Facebook sinala que é "absolutamente falso" que poida calificarse como "racismo lingüístico" a súa actuación e acusa a CIG de "persecución sindical".

 

O espazo infantil Jungle World que impedíu a unha das súas traballadoras o uso da lingua galega no centro, emitiu un comunicado através da súa conta oficial na rede social Facebook ao fío da denuncia pública do acontecido por parte de Belén Tajes. 

No escrito, que reproduce de maneira íntegra Sermos Galiza, a entidade apela á súa condición de "centro privado" para xustificar a exclusión da lingua galega das súas actividades. Porén, asegura que é "absolutamente falso" que poida calificarse como "racismo político" a súa actuación argüíndo que "na medida do posíbel" compatibilizan "as nosas actividades coa promoción do galego". 

Jungle World acusa a CIG de "persecución sindical" pola denuncia presentada

O texto, redixido exclusivamente en castelán, sinala que "o coñecemento desa lingua" --a galega-- "foméntase por este centro, non só coa celebración puntual do Día das Letras Galegas" senón tamén "co ensino de cancións, poemas, contos e outros, o que permite mesmo a súa utilización en certas actuacións das funcións de fin de curso dos nenos". 

Aliás, e após a denuncia presentada pola Confederación Intersindical Galega perante Inspección de Traballo, a dirección de Jungle World asegura que "obedece" a "unha actuación máis" no marco da "estratexia de persecución sindical que, através desta traballadora, a CIG está a promover en contra deste centro". Segundo a empresa, o obxectivo da central sindical nacionalista é "prexudicar seriamente o prestixio" do centro. 



x