BOTA A ANDAR A REDE GALEGA EN UK

Letras Galegas á beira do Támesis

Letras Galegas á beira do Támesis
Un aspecto da celebración, durante a actuación de O Leo
Un aspecto da celebración, durante a actuación de O Leo  

O pasado domingo 13 de maio comemorouse en Londres o Día das Letras galegas nun acto que se dedicou por completo a celebrar a lingua e a cultura galega con diferentes actividades para crianzas e maiores. O acto foi ademais o momento elexido para a presentación da asociación Rede Galega en UK (REGA-UK), organizadora do evento. 


Os poemas de María Victoria Moreno conviviron o pasado domingo en Londres con obradoiros improvisados para nenos, photo booths, foliadas, karaokes galeguizados, a música de O Leo e incluso 'galipizzas'. A celebración do Día das Letras Galegas foi a 'excusa' perfecta para reivindicar en maiúsculas o baile, a música e o cinema galego coa proxección da curta Galicia Portobello Road da cineasta viguesa afincada en Londres Adriana Páramo. A edición especial de Os Bolechas adicada á homenaxeada serviulle ás crianzas de pasatempo mentres se divertían con talleres de globoflexia e participaban da foliada. Foi unha festa, ademais, comunitaria, na que cada cada un puxo o seu gran de area para facer deste un día grande na historia futura da cultura galega en Londres. Desde Josefina, 40 anos en Londres, que preparou 20 tortillas e 4 empanadas, até Xan, 6 anos en Londres, que foi quen de idear pizzas 'Bravú', 'Xacobeas', 'Da Horta' e 'Dos Catro Mariñeiros' para repor forzas despois de 6 horas de festa. 

A xornada festiva tivo lugar no leste de Londres, nunha das zonas máis multiculturais da cidade e o recinto Haileybury Youth Centre encheuse de 'hashtags' morriñentos pero orgullosos de ser unha pequena gran minoría na maxi urbe que é Londres. A creación dun exercicio poético 'interactivo' serviu de homenaxe a María Victoria Moreno e outros autores galegos, un recital de poemas comunitario no que cada persoa leu fragmentos de diferentes obras poéticas e no que participaron por igual pequenas e maiores. A foliada estivo a cargo da asociación A Caramiña que amenizou o día con bailes e música tradicional en directo a ritmo da gaita de David Carril e das pandeiretas dos alumnos do curso de pandeireta de Londres. A xornada finalizou con máis música e máis letras, as de Celso Emilio Ferreiro, Manuel María ou Bernardino Graña versionados por O Leo, convidado de excepción á festa da cultura galega en Londres. Ademais de A Caramiña, tamén colaboraron na xornada outras organizacións socioculturais galegas da capital británica como Troula (playground para nenos galegofalantes), Galego en Londres, o Galician Film Forum (GFF) e Galegos Morriñentos en Londres. Precisamente, este último colectivo celebrou os seus dez anos de vida coincidindo co evento sendo aínda a día de hoxe unha rede de referencia en galego para os galegos que moran en Londres, que suma xa 2.700 membros. 

OLeo2"Foi unha xornada de celebración da cultura e a lingua galega sen precedentes en Londres", salienta Inma Gil Rosendo, xornalista galega da BBC e creadora do grupo Galegos Morriñentos en Londres. "Nos 14 anos que levo vivindo en Londres nunca se fixera nada así desde o punto de vista cultural e de amor pola lingua para celebrar as Letras Galegas", explica Inma, incidindo en que parte do "éxito" reside en que foi un acto interxeracional ao se xuntar xente de "todas as idades e de diferentes eidos, activa e unida cun mesmo fin". Neste senso Inma explica que existía en Londres un oco chamado a ser cuberto: "hai 'fame' de que se fagan actividades culturais deste tipo. Nótase que a xente precisaba dun espazo para crear este tipo de eventos e REGA-UK busca encher ese baleiro". 

A nova rede que abriga a cultura galega  

A comunidade galega en Londres -e en Reino Unido- está cada vez máis organizada e é máis activa ca nunca, utiliza unha linguaxe e unha estética moito máis moderna e profesional afastada da imaxe dun centro galego tradicional. O Día das Letras galegas foi o día para botar formalmente a andar a Rede Galega UK (REGA UK), una asociación que pretende ser impulsora da cultura e a lingua galega en todo o Reino Unido e nada da necesidade de crear sinerxias e unir forzas para facer máis e mellores cousas a prol da cultura galega. "A intención fundacional é visibilizar que hai unha comunidade galega que quere facer país e que quere facer cousas na súa lingua", explica Begoña González, profesora de galego no Instituto Cañada Blanch de Londres e dinamizadora do grupo Galego en Londres. "Queremos xuntar forzas entre os distintos grupos xa existentes -Morriñentos en Londres, Troula, GFF, A Caramiña e Galego en Londres- e constituirnos formalmente para poder medrar tendo acceso a axudas", sinala Begoña. O acto das Letras foi o mellor escenario posíbel para presentar en sociedade esta asociación que busca ser "paraugas" de unión entre todas as asociacións e compartir recursos para que cada unha poida seguir medrando. 

Así o afirma David Carril, gaiteiro de Camariñas e membro da Asociación A Caramiña subliñando que un dos obxectivos da asociación é crear un "marco" para que a comunidade galega en Reino Unido poida vivir mantendo as tradicións culturais galegas con actividades culturais e crear unha asociación para o futuro, que pase de pais a fillos. A tradición, sinala David, non é algo estático, é unha evolución constante. "Con esta iniciativa nós estamos evolucionando -afirma- estamos creando a tradición de mañá". A idea, como explica David, é dar pequenos pasos para que todos os colectivos que na actualidade conflúen en Londres poidan seguir traballando cada un no seu eido pola cultura pero tendo o marco global do REGA UK para crecer e desenvolverse. 


xogos

O REGA é, aliás, potencialmente, unha boa plataforma para dar a coñecer a cultura galega máis aló do circuíto galego. Neste senso, Adriana Páramo Pérez, cineasta viguesa e unha das integrantes do Galician Film Forum, salienta que esa foi a idea orixinaria do GFF, "ter unha plataforma que nos vinculase co exterior". "O cine é unha ferramenta ideal para conectarmos con outras culturas porque se viven emocións universais", afirma Adriana explicando que desde a súa creación diversa persoas se puxeron en contacto coa plataforma interesadas no cinema galego ou con proxectos en Galiza.  Os últimos foron, como explica Adriana, un grupo de rapaces senegaleses interesados en facer un documentario sobre a comunidade senegalesa de Galiza. O GFF, ao ser unha plataforma en inglés, serve moitas veces como a “primeira toma de contacto" con Galiza desde Londres e iso e algo ao que tamén podería aspirar o REGA, a ser ponte de unión. "O importante é xuntarnos para facer cousas sabendo por que e para que as facemos”, aclara Adriana e subliña que Londres é unha cidade chea de grandes mentes creativas con iniciativa e dispostas a non deixar as boas ideas caer no esquencimento.

Un futuro en galego  

Os nenos foron uns dos grandes protagonistas da festa do domingo en Londres. O feito de que acudiran moitas familias deulles ás crianzas un papel destacado nos xogos, bailes e demais actividades. A maioría desas familias están integradas por parellas de diferentes nacionalidades a conformaren fogares nos que se fala máis de dúas ou tres linguas. Moitos deses pais e nais galegofalantes decidiron crear hai máis de dous anos Troula, un playground onde os seus fillos se puidesen divertir e socializar en galego. Inma Gil Rosendo é tamén unha das creadoras de Troula e explica que para ela, como nai galegofalante nun núcleo familiar no que se falan até catro linguas distintas, era “fundamental” que as súas fillas non só asociasen o galego cunha lingua de “estar na casa”. “É importante atoparlle a utilizade social a unha lingua", explica Inma, e con esa idea puxeron en marcha Troula. “O galego foi sempre, como un día me dixo a miña filla, a lingua do amor para ela porque é a lingua coa que fala coa súa ‘mamá’ e cos seus avós, pero agora é tamén a lingua coa que se divirte xogando con outros nenos e nenas galegofalantes coma ela”. Por iso, sinala Inma, Troula é unha ferramenta necesaria para que o galego sexa a lingua vehicular nos xogos e na diversión fóra da casa, non só a lingua de portas para adentro. 

Por amor a unha lingua e a unha cultura, Londres celebrou de xeito especial este Día das Letras Galegas abrindo unha fiestra ao futuro con aires de cambio no xeito de divulgar a riqueza cultural galega grazas ao traballo desinteresado de xente 'empeñada' en facer de Londres e Reino Unido un pouco máis o noso lar. 

Nota: todas as fotos son cedidas pola Rede Galega en UK.



x