PALABRAS CON MEMORIA

Limpando o mundo coas palabras

Limpando o mundo coas palabras

albeado.- (Ademais de significados xa recollidos) Dise do que está excesivamente limpo, que reloce.

Exemplo.- "Estivo toda a tarde limpando na casa e quedou todo albeado."

Lugar de escoita.- Burela (Mariña Luguesa).

Fonte.- Mario Ferreira.

bruso.- Cepillo de man ou con mango para limpar o chan ou outras superficies.

Lugar de escoita.- O Barbanza.

Fonte.- Constantino Prego.

Outros apuntamentos.- A fonte coida que vén do anglicismo "brush".

escofonar.- Limpar algo fregando moito.

Exemplo.- "Está tan dexoso que terá que botar unha hora enteira escafonando."

Lugar de escoita.- Son- Navia de Suarna.

Fonte.- Raquel de Son/Endl Navia de Suarna.

eslavuxar.- Botarlle auga a un trapo ou na boca ao lavala.

Lugar de escoita.- Vilalba e comarca da Terra Chá.

Fonte.- María Ladra Fraga.

Outros apuntamentos.- Desde o Centro de Día de Abadín.

lampoñas.- Lampas. Utensilios, prendas de roupa, calzado, etc., gastados.

Exemplo.- “Estas zapatillas están lampoñas.”

Lugar de escoita.- Vilalba.

Fonte.- Vanessa Hermida Carballeira.

Outros apuntamentos.- Desde o Centro de Día de Abadín.

pub(v)ela.- (Ademais de significados xa rexistrados) Varredura, lixo.

Lugar de escoita.- A Fonsagrada.

Fonte.- Jesús López Domínguez.

sisco.- Lixo.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.