A “Liña do Galego” da Mesa rexistra máis de 400 queixas no último ano

A “Liña do Galego” da Mesa rexistra máis de 400 queixas no último ano

O presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e a Deputación da Coruña fan balance do servizo gratuito que ofrece ás usuarias e usuarios a posibilidade de denunciar as vulneracións dos dereitos lingüísticos das e dos galegofalantes.


Unha queixa de media por día, arredor de catrocentas no último ano. O balance da Liña do Galego non deixa lugar a dúbidas: os dereitos lingüísticos dos galegofalantes vense vulnerados decote. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, a deputada de Lingua, María Muíño, e a delegada na Coruña, Celia Armas, destacaron a iniciativa "é esencial para escoitar as queixas das persoas galegofalantes que non poden exercer os seus dereitos".

"Recibimos queixas principalmente da Administración, e tamén de empresas privadas que mostran as dificultades para facer un uso normal da nosa lingua", explica Maceira. O servizo tamén emite parabéns a empresas e iniciativas que mostran compromiso na normalización lingüística. Para alén do máis, o presidente da Mesa destacou que o servizo "é fundamental e tiña que estar cuberto pola Administración galega, que tiña que ser quen garantise os nosos dereitos lingüísticos, mais, como non se fai, ten que ser iniciativa nosa co apoio agora da Deputación da Coruña".

"A Deputación da Coruña ten un compromiso firme coa defensa da lingua e con accións que, como a Liña do galego, son esenciais para facer escoitar as queixas das persoas que ven como se conculcan os seus dereitos lingüísticos", sinalou a deputada delegada da área de Normalización Lingüística, María Muíño, nunha sesión na que tamén se asinou o convenio de colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística para o mantemento do servizo. A Deputación da Coruña renova o apoio polo que financia o 80% do orzamento da actividade.

A "ferida" dos datos do IGE

Pola súa banda, Celia Armas, responsábel comarcal na Coruña da Mesa, analizou na súa intervención os últimos datos do Instituto Galego de Estatística que, segundo apuntou, "Fannos especial ferida porque se dirixen ao ámbito do ensino, onde temos focalizado o noso traballo desde a promulgación do decreto do plurilingüísimo, e mostran que un cuarto do alumnado non ten competencia lingüística na nosa propia lingua, o que dá conta do estrepitoso fracaso".

A Liña do Galego comezou a súa andaina con atención telefónica no ano 2007, e desde o 2016 engadiu unha aplicación para Apple e Android, que supuxo a duplicación das consultas e queixas. As denuncias recibidas serviron, en anos anteriores, para a elaboración de informes e relatorios presentados a diversos organismos, entre os que destacaron o Consello de Dereitos Humanos da Organización das Nacións Unidas e, en 2019, o seu relator especial para as minorías nacionais, ou os respectivos Comités de expertos do Consello de Europa para a carta europea das linguas rexionais ou minorizadas, ou o convenio Marco das Minorías Nacionais.