Reclaman ao Goberno español que "garanta os dereitos lingüísticos de toda a cidadanía"

Reclaman ao Goberno español que "garanta os dereitos lingüísticos de toda a cidadanía"
David Minoves, Marcos Maceira, Eva Terol, Francesc Marco e Paul Bilbao en Madrid  [Imaxe: A Mesa]
David Minoves, Marcos Maceira, Eva Terol, Francesc Marco e Paul Bilbao en Madrid [Imaxe: A Mesa]  
Oito entidades que traballan pola normalización de linguas minorizadas no Estado, entre elas A Mesa pola Normalización Lingüística, mostraron na mañá da terza feira nun acto conxunto en Madrid a súa preocupación polas mensaxes que están a difundir algúns partidos políticos e "pola maior vulneración dos dereitos lingüísticos que sufrirían os falantes de linguas minorizadas no caso destes partidos chegaren ao poder" e reclamáronlle ao Goberno español e ao resto dos axentes políticos "compromisos concretos" que garantan os dereitos lingüísticos da cidadanía.

A vulneración dos dereitos lingüísticos segue a ser unha grande preocupación para un sector moi importante da sociedade. Oito entidades que traballan pola normalización de linguas minorizadas no Estado amosaron en Madrid a súa inquietude polas mensaxes que están a difundir algúns partidos políticos e "pola maior vulneración dos dereitos lingüísticos que sufrirían os falantes de linguas minorizadas no caso destes partidos chegaren ao poder" e reclamáronlle ao Goberno español e ao resto dos axentes políticos "compromisos concretos" que garantan os dereitos lingüísticos da cidadanía.

A Mesa pola Normalización Lingüística, Kontseilua (Euskal Herria), Ciemen, Plataforma per la Llengua (Catalunya) e Acció Cultural del País Valencià (País Valencià) presentaron esta terza feira 29 de outubro ante os medios de comunicación as catro premisas e os seis compromisos consensuados con outras entidades do Estado como Ómnium Cultural, Nogará (Aragón) e Iniciativa pel Asturianu (Asturias) e recollidos no documento colectivo 'Igualdade lingüística: Liberdade, pluralidade e democracia' co obxectivo de que os partidos políticos os tomen en consideración de cara á vindeira lexislatura.

"Tal e como sinalou varias veces o Comité de Ministros do Consello de Europa", lembrou na comparecencia o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira, “hoxe en día é preciso mudar a lexislación do poder xudicial para garantir realmente o dereito á defensa dos e das falantes das linguas minorizadas”. Maceira afirmou que "as discriminacións lingüísticas no Estado español en pleno século XXI aínda se publican no BOE".

Imposición do español

"Hoxe en día", denunciou Paul Bilbao de Kontseilua, "o castelán e as linguas minorizadas están en desequilibrio". As responsábeis das diferentes asociacións e entidades explicaron casos que mesmo vulneran a lexislación europea. "Para conseguir a igualdade, a liberdade e a democracia", explicou Francesc Marco de Plataforma per la Llengua, "é necesario recoñecer os mesmos dereitos e deberes, contratar persoal capacitado nas linguas minorizadas” e “normalizar o uso das linguas minorizadas na administración de xustiza ou dar fin á imposición a través da lei que se fai do castelán".

"A imposición que existe da lingua española", asegurou Eva Terol de Acció Cultural del País Valencià, "repercute, por exemplo, na imposibilidade de facer trámites obrigatorios como pagar impostos, multas ou a seguridade social nunha lingua diferente do español ou a negación de bolsas e axudas con documentos presentados en lingua non española".

As entidades explicaron a razón de faceren a comparecencia en Madrid. "Cremos que ante a onda de ameazas que vivimos debemos crear un dique de contención que blinde o dereito a vivirmos nas nosas linguas", afirmou David Minoves do Ciemen, "e para iso fai faltan compromisos concretos e vir a Madrid é a maneira máis directa de facer o chamado á acción das forzas políticas do conxunto Estado".

As entidades tamén anunciaron que enviarán copia do documento aos partidos políticos para saber a súa posición ao respecto. Do mesmo xeito solicitarán unha reunión co novo ou nova presidenta para explicarlle a proposta.