O machismo continúa nos dicionarios

O machismo continúa nos dicionarios
O dicionario da RAG continúa a amosar nesgos de machismo
O dicionario da RAG continúa a amosar nesgos de machismo  

Os dicionarios recollen o falar da sociedade. Porén, se a sociedade é machista, éo tamén a linguaxe? Debería a Academia dar exemplo e erradicar da nosa fala palabras e expresións que quedaron no pasado? Eis unha selección de palabras que continúan a arrastrar nesgos de machismo.


DoceO dicionario en liña da Real Academia Galega tivo en 2018 ao redor de 22 millóns de consultas. Un total de 429 novas palabras foron incorporadas para favorecer a súa modernización. Con todo, hai termos de uso totalmente corrente na vida cotiá que seguen a seren rexistrados con nesgos do machismo que algún día representaron. Desde expresións malsoantes ou vulgarismos até diferenzas de significado en función do xénero. Eis unha selección de entradas que deberían ser revisadas.

A palabra home ten até sete acepcións, porque é incluída como sinónimo de ser humano ou integrante dunha autoridade. Ademais, recóllense numerosas expresións como “home de mundo” ou “de negocios”. En cambio muller ten só tres acepcións e ningunha expresión. Algo semellante pasa con pai e nai. Mentres que do primeiro hai até seis acepcións, da segunda só hai unha e expresións como “de familia” só se aplican a pai. Mais expresións vinculadas á muller hai dabondo, como é o caso de “Muller de rúa”, sinónimo de prostituta, cando se busca rúa

FortrLogo, hai palabras que a pesar de teren duplas acepcións ou dobrar o xénero parecen ter unha predisposición a seren adxudicadas a mulleres. É o caso de virxe, cuxa primeira acepción é “muller que nunca tivo relacións sexuais”, mentres que para atopar o termo como “persoa que nunca tivo relacións sexuais” hai que ir até a sétima acepción. Ou señora, que se recolle como “Muller casada cun home con respecto a este”, mais non ao revés.

Tamén modista ten dous significados, o de persoa que cose, en cuxo exemplo hai un home, “Un modisto galego de fama internacional” e o de muller que cose, se cadra máis sexista, pois perde o concepto de “alta costura”. Ademais, ten como sinónimo a palabra costureira, da que non ofrecen unha versión masculina. Igualmente, a persoa que atende outras nun bar é un camareiro, a que fai as camas nun hotel, unha camareira.

BonecaCando se trata de substantivos como doce, bonita ou feita, os exemplos son mulleres. En cambio cando é valente, forte ou aventureiro, son homes. Se se dá o caso de que un adxectivo tradicionalmente asociado á muller teña un home no exemplo, como en lindo ou en agarimoso, é porque se trata dun neno.

Coqueta é un caso curioso, xa que cando se trata de roupa, o exemplo é unha muller mais cando se trata de seducir é un home. Con todo, tampouco é estraño, xa que en sedutor aplícase a expresión “en particular o home que seduce unha muller”.

ConachaSe nos metemos nos insultos e nos vulgarismos ábrese a porta á denigración da muller. Unha muller “sen moralidade que accede facilmente a manter relacións sexuais” é unha puta ou unha paxara. As mulleres tamén son malas, como en lurpia ou bruxa. Porén, outros insultos como cabrón, teñen exemplos con ambos xéneros. O clímax destes termos atópase na expresión “Coma a puta na Coresma”. En canto aos xenitais, a cona da muller provoca e pica, mentres que os do home semellan non facelo.

Se nos trasladamos á infancia, unha boneca é algo co que xogan as mulleres, ou mesmo as propias mulleres. No entanto, quen rube árbores son os nenos. 

Con todo, nos últimos anos a Academia deu grandes avanzos en materia de modernización. No ano 2016, entre as melloras na web, incluiuse a busca preditiva de femininos nas palabras con variación de xénero. Ademais, palabras como apoderamento e endometriose foron engadidas ao dicionario.