COMO DICILO?

Máis canteiros

Máis canteiros
Aspecto dos cantóns da Coruña
Aspecto dos cantóns da Coruña  

Como prometimos a semana pasada, continuamos co mesmo asunto no canto de abandonalo. No canto de, velaí unha nova locución equivalente a ‘en lugar de’.

 

O Dicionario da Lingua Portuguesa da Porto Editora recolle como segunda acepción de canteiro (a primeira é "artista que trabalha em cantaría")  a de "pequena área demarcada de terreno ajardinado". Failles pensar iso nalgo ?

 

Pois claro: nese xardín público e zona de paseo que os galegos, mesmo en castelán, chamamos cantón. Moitas cidades e vilas galegas conservan os seus cantóns: A Coruña (Cantón grande e Cantón pequeno), Ferrol, Lugo, Ourense, Ribadeo, Ortigueira, Chantada, etc. Outras perderon a superficie axardinada e foron enlousadas conservando o nome (cantóns de Betanzos ou de Padrón) cando non desapareceu o nome (como en Ferreira do Valadouro) ou se esfumaron xardíns e mais denominación. Curiosamente, a palabra cantón con ese significado  –que non existe en castelán – non figura no dicionario on line da Academia Galega, onde só existe co sentido coñecido de circunscrición territorial suíza ou  francesa.

 

Pois, recuriosamente (permítanme a brincadeira) as dúas palabras  -a do xardín e a da circunscrición territorial- parecen remontarse a unha orixe común, a de canto como ‘esquina, beiril, etc.’ e a de ‘recanto, recuncho’ que xa comentamos no artigo anterior. O cantón non é un prado senón zonas axardinadas cercadas por beiras baixiñas, orixinalmente de pedra. Como se ve, tamén confluímos coa palabra canto no sentido de ‘pedra’.

 

E pasaremos agora á fala grupal, o latín dos canteiros, verbo xido ou dos arxinas. Trátase –igual que outras falas profesionais (barallete dos afiadores, falas de cesteiros ou de telleiros, etc.)-  dun amplo léxico que permite falar sen que os de fóra da comunidade  entendan o que se di.

 

No latín dos canteiros hai algunhas palabras que teñen orixe no euskera. Efectivamente, parece que a partir do século XVI foi abondosa a presenza de canteiros bascos na Galiza, chamados para reconstruíren castelos, torres, pazos e igrexas derrubados polos Irmandiños. Esa é a razón pola que no léxico que os nosos canteiros crearon aparecen voces como arria ‘pedra’, chacurro, ‘can’, oreta ‘auga’ ou o adverbio de afirmación bai ‘si’. E a propia denominación dos canteiros: arginas.

 

Diremos, para rematar que o apelido Harguindey é orixinal de Iparralde, País Basco Norte ou País Basco francés. A súa forma orixinal é harguindegui e o seu significado… casa do canteiro. Poucos dos meus familiares máis ou menos próximos han coñecer seguramente a orixe do apelido. Claro que os nosos devanceiros instaláronse en Compostela xa hai máis de douscentos anos. 

 

E, por certo, non viñeron traballar como canteiros senón como coireiros, como curtidores.

 

 



x