Os centros galegos de FP entregan exames en castelán coa escusa do alumnado de fóra

Os centros galegos de FP entregan exames en castelán coa escusa do alumnado de fóra

As probas libres, que están a ter lugar estas semanas, incumpren a lei ao seren ofertadas en ambas linguas “por se alguén non entende”. A lexislación estabelece que o alumnado debe ser competente en galego e en castelán. Portanto, non existiría a opción de que algunha alumna non entendese.


As probas libres de Formación Profesional, que permiten o alumnado a distancia examinarse presencialmente por cada módulo, están a ser apresentados en castelán baixo o pretexto de facilitar a comprensión das examinadas. Porén, esta decisión atenta contra a lexislación vixente, que recolle que o alumnado debe ser competente en ambas linguas. 

Arturo Iglesias, profesor de Didáctica no Ciclo Superior de Educación Infantil do CIFP Ánxel Casal, da Coruña, é un de tantos profesionais que denuncian esta situación. Iglesias explica que o cadro docente está a recibir presións “para que os exames de libre sigan a ser en ambas linguas, facendo valer que hai xente de fóra e, polo tanto, debe facilitárselle a comprensión e realización das probas”.

En concreto, isto suporía unha vulneración directa do artigo 9 do decreto 79/2010 para o plurilingüismo na ensinanza non universitaria. A lei  recolle que na formación profesional debe existir unha oferta educativa equilibrada en galego e castelán “que garanta que o alumnado consiga a competencia lingüística propia do nivel nas dúas linguas oficiais”.

O profesor do centro coruñés explica que están a recibir desde hai anos notas de reclamacións emitidas polo alumnado pola oferta educativa en galego. “Son queixas coas que nós non podemos facer nada, e a Consellería tampouco pode facer nada porque sería atentar contra a lei”, comenta.

O docente define estas reclamacións como unha “terxiversación da normativa”. “O alumnado como usuario non ten o dereito a ser atendido en castelán senón o obxectivo, segundo dita a normativa, de desenvolver as competencias en ambas linguas, que está por riba do seu dereito persoal”, declara.

Tituladas sen competencias para atender as usuarias

“No noso centro impartimos formación na rama da sanidade e do servizo sociocultural. É necesario logo que o alumnado coñeza ambas linguas porque logo será xente que traballe en centros de saúde, centros de ensino, centros socioculturais, centros de atención á terceira idade… e deben saber a lingua para entenderse coas persoas usuarias coas que traballarán”, apunta Iglesias en relación á obriga do alumnado de ser quen de dominar ambos idiomas.

De feito, a propia convocatoria das probas expón que os exames respectarán a programación de cada materia. “Se a materia está en galego, como está a miña, o lóxico é que o exame só figure en galego”, razoa. Iglesias conta que varias compañeiras que imparten en galego xa decidiron facer o exame en castelán “para evitar conflitos, porque son interinas, están coa oposición ás voltas e vense afectadas por estas presións”.

Desde a Administración, a inspección educativa informou de que recibiran reclamación a raíz dun exame en galego. Aclárase que é un feito que ten acontecido outros anos e que o alumnado non galego está eximido da obriga de coñecer a lingua cooficial, polo que é un deber facerlle o exame en lingua castelá se así o require. Isto entraría en contradición directa co estipulado no devandito artigo 9 do decreto para o plurilingüismo.

Un conflito subterráneo que marxina o galego

A escolla do galego é, pois, a escolla do conflito. De xeito paulatino e sutil, o idioma vai perdendo terreno nas probas e, por tanto, incúmprese a lei que garante as competencias do alumnado de formación profesional. Pola súa banda, Iglesias afirma que continuará a examinar o seu alumnado na lingua do país.

O caso do CIFP Ánxel Casal non é o único, senón que se trata dunha práctica sistemática. Esta situación xa foi longamente denunciada por persoal docente de Pontevedra e da Coruña, segundo recollen desde A Mesa pola Normalización Lingüística. No caso do CIFP Ánxel Casal, Iglesias explica que no pasado ano “enviamos un escrito desde o claustro para a CIG e estes dixeron que ían facer un comunicado aos afiliados, mais aínda non temos constancia de nada”. Con todo, pon o acento na présa dos tempos, “isto tería que ser xa para o ano que vén, porque os exames xa están a ser e pouco se pode facer”.



x