COMO DICILO?

Mar

O mar tamén lle dá de comer ao país
O mar tamén lle dá de comer ao país  

Galiza é un país marítimo. Mil cincocentos quilómetros de costa conforman un amplo arco atlántico na punta suroccidental de Europa.  E na banda da beiramar vive a maior parte da poboación galega. Naturalmente, a poboación do interior non vive a carón do mar, mais tampouco de costas a el. De xeito directo ou indirecto toda a nación é mariñeira.

E na lingua tamén ten reflexo ese mar cotián: na articulación da fala do galego do litoral (coa gheada e seseo das Rías Baixas ou sen elas como na Altas) e mais no léxico e na expresión cotiáns. E tamén, claro, na fraseoloxía. A maiores de todo o que comparte co "galego xeral", o galego mariñeiro impregna decote eidos específicos e agroma a cada paso sorprendendo a falantes chegados doutras terras do país. Así, cando escoitamos, por exemplo Embarcaron no autobús, Deulle co remo e tirou con el no chan (no que ese remo é de carne e oso, o brazo) ou Púxéronlle a proa e non puido facelo (‘opuxéronse a el e…’). Ou tamén Aínda non botes o peixe ao mar, é dicir ‘Aínda non está todo perdido’,

Repararemos, pois, hoxe e nalgún artigo próximo nestas locucións mariñeiras. Lembramos que ocasionalmente temos xa citado algunhas  como É como a carioca, que leva o rabo na boca (‘é un círculo vicioso’), leva unha lura (‘ten unha bebedeira’), fai magas (‘é o triunfador indiscutido’) ou  tal para cal, maragota e media (‘tan bo é Xan como seu irmán’).

Onde o galego común dálle azos a alguén que está en apuros dicíndolle Aínda non está todo perdido /Aínda te podes salvar, o galego da beiramar concretará expresivamente Aínda non caíches no mar! Onde o galego xeral aconsella non esaxerar indo aos estremos e di Nin tanto "Arre!" que fuxa nin tanto "Xo!" que pare, o mariñeiro dirá Nin tanto ao mar nin tanto á terra. Onde un galego do interior tranquiliza Podes estar tranquilo /Por aí non tes dúbida, etc. o galego das rías dirá Por aí non lle entra entra auga ao barco. E onde unha persoa de terra adentro advirte Así a cousa vai mal outra da Galiza mariña advertirá Así o barco vai ás pedras.

Naturalmente, o peixe, despois de pescalo hai que vendelo e diso quen se encarga normalmente, no mercado, por solto, é a peixeira, que ten que engadar tamén a clienta. A quen lle queres vender o peixe é, daquela, unha frase que vén significando ‘a quen pretendes convencer? ‘. Digamos, de paso, que as linguas románicas utilizan comunmente a palabra derivada do latín mercatus (no noso caso mercado) para denominaren o lugar dunha poboación no que se agrupan os postos de venda de produtos alimentarios. Esta palabra de orixe latina está presente tamén nas denominacións doutras áreas lingüísticas europeas.  Xa dende antigo aparece asimesmo en español e portugués a palabra plaza/praça co sentido de mercado, ben proceda de plaza como ‘espazo urbano entre rúas onde se ubica o mercado’ ou como o de ‘canon, taxa, aluguer que se paga por un lugar, unha praza, no mercado’. En calquera caso, moitos pensamos que os rótulos Praza de abastos deberían ser substituídos en Galiza por Mercado como é norma en Portugal, en liña cos países de linguas neolatinas e moitos outros de Europa.

E merquemos ou procuremos as cousas no lugar axeitado, non fagamos o que di esta cantiga bulreira :

    Fun ao monte por sardiñas,
    fun ao mar cargar de toxo,
    polo monte fun nadando,
    polo mar nun burro coxo.



x