"QUE NINGUÉN SEXA ESTRANXEIRO NA SÚA LINGUA", DI AGUSTÍN BAAMONDE (PP)

A Mesa acada a unanimidade das forzas políticas nun acordo histórico sobre a lingua

A Mesa acada a unanimidade das forzas políticas nun acordo histórico sobre a lingua

Un acordo histórico asinouse esta cuarta feira na Ferradura, diante da estatua de Rosalía. A Mesa conseguiu que a totalidade de forzas políticas asinaran a “Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega” coa que se quere inaugurar un tempo novo para o idioma. 


Por varias razóns, o acto que promoveu na Ferradura de Compostela, á beira da estatua a Rosalía de Castro podería definirse como histórico. En primeiro lugar, xuntar representantes de case a totalidade -Terra Galega e Converxencia XXI xustificaron a súa ausencia- das forzas políticas activas facían xa, de saída, único o acto, nun momento no que a “unidade” é un concepto político a debate. En segundo, por se xuntaren todas para asinar un acordo pola normalización lingüística que busca inaugurar un tempo novo para o idioma. Finalmente, o carácter insólito da convocatoria acrecentábase polo feito de que o PP do goberno da Xunta rubricase o mesmo acordo que a Mesa, organización que ten definido ao de Feijóo como “goberno lingüicida”. “Que ninguén sexa estranxeiro na súa lingua”, dixo o representante do PP, o deputado Agustín Baamonde, tomando o verso que foi lema dunha das últimas mobilizacións da plataforma Queremos Galego. 

O acto, aos pés de Rosalía no 130 aniversario do seu pasamento, cubriuse da solemnidade dos grandes acordos históricos. Cada representante das distintas forzas políticas tivo un minuto para corroborar o seu apoio e asinar o documento, despois dunha foto de familia que, no fin do acto, se completaría con figuras das distintas organizacións culturais, políticas ou sindicais que se sumaron ao acto de unidade pola lingua. Máximos responsábeis da CIG, Galiza Cultura, a RAG, AELG, a Fundación Rosalía, Asociación de Actores e Actrices, Escena Galega, Fundación Manuel María ou a AS-PG participaron na convocatoria. 

“Que ninguén sexa estranxeiro na súa lingua”, dixo o representante do PP, o deputado Agustín Baamonde, tomando o verso que foi lema dunha das últimas mobilizacións da plataforma Queremos Galego. 

“Unanimidade para comezarmos xa unha nova política lingüística”, dixo Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística que mostrou a esperanza de que o acto fose unha non volta atrás e “de que sexa o punto de non retorno que sitúe a lingua galega no debate político”.  Agardábase así de maneira especial a intervención do responsábel do PP, o partido que detenta a responsabilidade política a respecto da normalización desde a Xunta nos últimos seis anos.  “Momento de feitos e non de palabras”, defendeu, o representante do partido que goberna, o deputado Agustín Baamonde. 

Singular foi que o deputado do PP botase man da expresión empregada por Queremos Galego como lema dunha das súas últimas mobilizacións, tomada de Rosalía de Castro. “Que na patria das linguas, ninguén sexa estranxeiro na súa lingua”, dixo, despois de reclamar responsabilidade para a defensa do idioma. 

Retomar os acordos de hai dez anos 

O presidente da Mesa, Marcos Maceiras, remitiuse, despois de constatar a crítica situación actual,  á unanimidade acadada no 2004 co Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por todas as forzas con representación no Parlamento. O incumprimento por parte do goberno da Xunta e a posición do PP estivo no cerne das máis multitudinarias mobilizacións contra o goberno de Feijóo o que deu aínda máis notoriedade á intervención de Agustín Baamonde. 

“Unha nova política lingüística que recupere o papel impulsor que deben desempeñar as institucións e os poderes públicos e acompañe a sociedade galga que xa actúa en solitario para repor e colocar a lingua en todos os lugares de onde está excluída” foi o obxectivo que a Mesa se marcou á hora de lograr sumar forzas para o acordo a prol da normalización do galego.  Como “os acordos deben ser cumpridos”, a maior asociación cultural do país, anunciou que fará seguimento do asinado polas forzas políticas, e esixirá “respecto polos compromisos adquiridos e a palabra dada”. mesa1

A Declaración compromete ás distintas forzas políticas asinantes a retomar e iniciar “todas as medidas e accións que foren precisas para a súa reposición, rehabilitación e plena normalidade, comprometéndonos a reactivalas e promovelas en todas as áreas e institución” naquelas institucións e organismos nos que teñan reponsabilidade de goberno. O obxectivo é garantir o dereito a vivirmos en galego e conseguirmos para el verdadeira igualdade e oficialidade real”. 

A representante de Alternativa dos Veciños, Ester Garrido; o responsábel de lingua de Anova, Antón Dobao; o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence; a presidenta de Cerna, Consuelo Martínez; o secretario xeral de Coalición Galega, Fernando Alonso; o membro do Consello Político Nacional de Compromiso por Galicia, Rafael Cuiña; o voceiro parlamentario de Esquerda Unida, Xabier Ron; o voceiro de lingua e cultura no Parlamento de Galiza do PP, Agustín Baamonde; a secretaria de organización do Partido dos Socialistas de Galicia, Pilar Cancela; e o secretario xeral de Podemos Galicia, Breogán Rioboo, foron os responsábeis das distintas forzas políticas que asinaron o acordo en resposta á chamada da Mesa pola Normalización Terra Galega e Converxencia  XXI manifestaron o seu apoio ao documento mais escusaron a súa ausencia.