A Mesa denuncia incumprimentos da Xunta sobre a acreditación de galego no profesorado

A Mesa denuncia incumprimentos da Xunta sobre a acreditación de galego no profesorado

A Xunta incumpre a súa propia normativa e non lle esixe ao profesorado que acredite coñecemento de galego. Así o denuncia A Mesa pola Normalización Lingüística despois de recibir “varias queixas” a través do seu servizo Liña do Galego.
 


No concreto, as comunicacións refírense ás listaes de interinidades e substitucións, nas que existen “casos de persoas que traballan sen ter acreditado o coñecemento de lingua galega, cando é obrigatorio facelo con certificados de validación ou cunha proba previa á oposición”. “Hai un incumprimento flagrante da normativa da Consellaría de Educación”, denuncia Marcos Maceira, presidente da Mesa.

Mais a listaxe de interinas e substitucións non é a única sobre a que Liña do Galego recibiu notificacións. Nas convocatorias da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo consta o requisito “ter coñecemento da lingua propia de Galiza, mais hai a posibilidade de ser seleccionado sen o ter 'na falta de candidatos que si o acrediten”.

Ademais, engade A Mesa nun comunicado remitido aos medios, as bases da ESAD inclúen que “as persoas candidtas deberán obter, no prazo máximo de dous anos desde que sexan nomeadas, o citado certificado de coñecemento da lingua galega (Celga 4) ou equivalente”. Segundo as persoas que presentaron a queixa na Liña do Galego, varios docentes da escola “levan máis de dous anos traballando sen acreditar o seu galego”.

“A Consellaría de Educación permite a ilegalidade que supón que haxa persoas que leven anos a traballar no ensino público sen cumprir un dos requisitos esenciais para o acceso á función pública, acreditar o coñecemento da lingua galega”, afirma Marcos Maceira.



x