VIAXE DUNHA DELEGACIÓN DA ENTIDADE GALEGA A XENEBRA

A Mesa peta esta cuarta feira na porta da ONU denuncia nas Nacións Unidas a "discriminación" do galego

A Mesa peta esta cuarta feira na porta da ONU denuncia nas Nacións Unidas a "discriminación" do galego

Presentará un relatorio sobre a situación lingüística en Galiza e dará conta das denuncias presentadas pola asociación nos últimos anos. 


Esta cuarta feira (21 de xaneiro), a Mesa pola Normalización Lingüística participa en Xenebra na Revisión Periódica Universal das Nacións Unidas. Un encontro no que será avaliado o grao de cumprimento dos dereitos humanos no Estado español. Neste senso, tamén a respeito dos dereitos lingüísticos de nacións como Galiza onde existe un idioma propio. 

"A discriminación por razóns lingüísticas é un ataque aos dereitos humanos e é indicativa dunha visión de supremacismo lingüístico que se está a reforzar nos últimos tempos", afirmou pouco antes de partir para a sede das Nacións Unidas o presidente da Mesa, Marcos Maceira. 

Xunto con representantes dos territorios que conforman a Rede Europea pola Igualdade Lingüística (ELEN) --constituída en 2011-- a delegación galega intervirá para presentar o seu relatorio a respeito da realidade lingüística que vive o país e dará conta perante a organización internacional da "discriminación" que atinxe o galego, apuntou Maceira. 

O informe que presentará a Mesa pola Normalización Lingüística recolle múltiples casos de "discriminación" polo uso do galego, quer na administración, quer na xustiza ou as aulas

Así é que a Mesa pola Normalización Lingüística presentará as denuncias recollidas durante os anos 2012 e 2013. Entre eles, retrasos en operacións por solicitar a autorización en lingua galega, denegacións de bolsas pre-doutorais por presentar o título universitario en galego ou ameazas en oposicións por utilizar o idioma propio. 

Aliás, describirán perante as Nacións Unidas os "retrocesos" a respeito da oficilidade do galego que se están a viver baixo o actual goberno da Xunta, tales como os decorrentes após a aplicación do decreto 79/2010 para o plurilingüismo. 

Para a organización en defensa do idioma, após avaliar os casos recollidos no informe, fica en evidencia que as "autoridades españolas encoraxan ou cando menos toleran abertamente actitudes supremacistas entre o funcionariado e outros axentes públicos", como a xustiza. 

A sesión será retransmitida en streaming através da web das Nacións Unidas á que se pode acceder através desta ligazón