A Mesa denuncia unha nova discriminación a galego-falantes en Facenda

A Mesa denuncia unha nova discriminación a galego-falantes en Facenda
galego facenda
galego facenda  

Un cidadán viuse obrigado a devolver un ingreso de Facenda en protesta pola discriminación ao galego.


Unha persoa dirixiuse reiteradamente a Facenda para reclamar o seu dereito a que, nun trámite de devolución, os procedementos se realizasen en galego por parte da Axencia Tributaria, en base ao artigo 36.1 da Lei 30/1992, que dispón: “Os interesados que se dirixan aos órganos da Administración Xeral do Estado con sede no territorio dunha Comunidade Autónoma poderán tamén empregar a lingua que sexa cooficial nela. Neste caso, o procedemento tramitarase na lingua elixida polo interesado".

Non logrou que se respetase o seu dereito, polo que “se viu na obriga de devolver o ingreso realizado pola administración tributaria como mostra de protesta coa maneira en que a AEAT trata aos usuarios da lingua galega”, denuncian desde A Mesa. Finalmente, Facenda "dignouse a utilizar o galego matizando nun escrito oficial que nas aplicacións corporativas de Recadación non hai posibilidade de que as comunicacións se realicen en galego”.

A Mesa cualificou de lamentábel esta resposta que segundo o seu presidente, Marcos Maceira, “demostra que a Axencia Tributaria non ten ningún interese nin en cumprir a legalidade nin en dar a mínima opción a usar a lingua propia en trámites que ademais son absolutamente obrigatorios”. A entidade insta a Axencia Tributaria a explicar por que é incapaz de manter a legalidade e as obrigas máis elementais de atención e respecto por un dereito básico como é o de uso do galego.