REGULAMENTO DO PLENO

A Mesa empraza os grupos municipais de Vigo a manteren o galego nos plenos

A Mesa empraza os grupos municipais de Vigo a manteren o galego nos plenos
Abel Caballero, alcalde de Vigo
Abel Caballero, alcalde de Vigo  

En virtude da modificación do regulamento do pleno de Vigo, o galego deixará de ser a lingua vehicular coa que se desenvolvan as sesións plenarias. A Mesa xa anunciou que se dirixirá aos grupos municipais para que manteñan o uso do idioma propio do país.


Após aprobarse no mes de maio o novo regulamento do pleno de Vigo, o uso do galego deixará de ser a lingua vehicular dos debates das sesións plenarias malia continuar a ser a lingua do pleno e do concello. A Mesa pola Normalización Lingüística vén de anunciar que se dirixirá a todos os grupos da Corporación municipal para que se anule a modificación do regulamento pola que o galego deixa de ser lingua de expresión nas discusións do máximo órgano de representación do Concello.

Maceira: "O mínimo que se pode esixir a alguén que pretende representar a cidadanía é que coñeza e se saiba expresar na lingua propia"

Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, que o galego non vaia ser o idioma de debate nos plenos representa “un desprezo”. Pregúntase como se pode representar un pobo “descoñecendo e desprezando a súa lingua”. Na mesma liña, indica que “o mínimo que se pode esixir a alguén que pretende representar a cidadanía é que coñeza e se saiba expresar na lingua propia” e que “non hai ningún motivo para que o galego deixe de ser a lingua de debate e de utilización normal” nas sesións.

Aliás, a responsábel da Mesa en Vigo, Elsa Quintas, salienta de que na cidade “o galego retrocede a un ritmo de vertixe”. De feito, denuncia que a lingua está excluída no 75,9% dos centros de educación infantil da urbe. Tamén advirte que “coa modificación aprobada polo PSOE de Vigo, a situación será peor, ao negárselle un recoñecemento oficial e de uso mínimo”.

Quintas: "Se existe unha demanda cidadá en relación á lingua galega é a da súa reposición e rehabilitación en todos os espazos"

“Se existe unha demanda cidadá en relación á lingua galega é a da súa reposición e rehabilitación en todos os espazos, incluídos os plenos dos concellos”, engade a responsábel da Mesa en Vigo, “mesmo persoas que non o falan demandan espazos de uso que lles permitan incorporarse e recuperar o galego”.

Diante da modificación do regulamento do pleno, a Mesa lémbralle ao alcalde vigués, Abel Caballero, que o partido do que forma parte se comprometeu o pasado mes de xullo, xunto a outros partidos, a promover a normalización da lingua galega e a aplicar todos os acordos tomados ao respeito, desde a Lei de Normalización Lingüística pasando polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e a Carta Europea das Linguas.



x