A Mesa entregará ás 3.721 novas edís unha guía para o uso do galego na administración local

A Mesa entregará ás 3.721 novas edís unha guía para o uso do galego na administración local

O documento recolle orientacións de utilidade para que a lingua galega estea presente nas tarefas de goberno ou oposición, sexa cal for a área de responsabilidade.


A Mesa pola Normalización Lingüística presentou a Guía para o uso do galego na Administración local (2019-2023), que entregará aos máis de 3.700 concelleiros e concelleiras que se incorporan este sábado aos 313 concellos da Galiza. "A guía propón orientacións útiles para cada concelleira ou concelleiro, nas tarefas de goberno ou oposición, sexa cal for a súa área e responsabilidade, que permitan colocar a lingua como necesidade que é en toda a súa acción", segundo explicou Marcos Maceira, presidente da Mesa. O documento tamén se pode descargar por internet.

O obxectivo da Guía é que os concellos asuman o compromiso de impulsar políticas activas a favor do galego e dotar con recursos a planificación lingüística do municipio, con actuacións transversais en todas as áreas municipais. "A actividade municipal precisa da lingua en todo e a lingua galega precisa estar en todo e para todo para existir e desenvolverse con toda a normalidade", explicou Maceira. O presidente da MNL lembra que os concellos galegos teñen o dereito e o deber de impulsar o proceso de normalización da lingua galega como lembra o artigo 5 do Estatuto de autonomía.

A Mesa propón fixar un período de cumprimento e execución que poida ser avaliado, corrixido e mellorado, como calquera outra acción política. Trátase, recordou o presidente da Mesa, dunha "proposta de mínimos que se deben garantir e de actuación sobre os que existe un acordo amplo desde hai anos, mais que por desgraza seguen sen seren concretados".

Acordos unánimes

As medidas propostas na Guía parten dos acordos asumidos unanimemente por todas as organizacións políticas da Galiza, explican desde A Mesa. Concretamente, da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias ratificada polo Estado español en 2001 e da Declaración universal de dereitos lingüísticos de 1996 asumida polo Congreso dos Deputados e polo Parlamento galego nese mesmo ano. A respecto das accións en cada área, a Guía parte doutro dos grandes acordos unánimes do Parlamento galego en relación á nosa lingua: o Plano xeral de normalización da lingua galega de 2004.

Entre as propostas están a do cumprimento da lexislación vixente en cuestións como que todos os cargos públicos, departamentos e organismos dependentes da administración local teñen que ter a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita. Ou que a administración fará oferta positiva do galego na atención oral e escrita á cidadanía, tanto presencial como telefónica ou telemática. Tamén se propón crear un servizo de normalización lingüística naqueles concellos onde aínda non existir.

No que atinxe á contratación pública, por exemplo, as empresas subcontratadas polo concello garantirán o respecto á oficialidade do galego e aos dereitos lingüísticos das veciñas e veciños. Aliás, os bancos, empresas de concesión de servizo de augas e outros cos que traballan os concellos ofrecerán a posibilidade de uso do galego en trámites esenciais como pagamento de taxas, impostos, multas…

Concesión de axudas: para a concesión de subvencións e axudas municipais (de promoción económica, servizos sociais, culturais, xuvenís, deportivas, para festas, para actividades formativas e de calquera outro tipo) valorarase como criterio positivo que as actividades realizadas contribúan á normalización do uso do idioma e ao incremento do prestixio social da lingua galega.