CONCENTRACIÓN PERANTE O CENTRO HÍPICO

A Mesa esíxelle á Xunta que actúe contra Casas Novas pola discriminación da nena galegofalante de dez anos

A Mesa esíxelle á Xunta que actúe contra Casas Novas pola discriminación da nena galegofalante de dez anos
Concentración diante de Casas Novas
Concentración diante de Casas Novas  

Un cento de persoas concentráronse esta mañá diante das instalacións de Casas Novas (Arteixo), propiedade da familia de Amancio Ortega, para denunciar o caso da nena de 10 anos humillada no centro hípico por falar galego e para reivindicar o respecto pola lingua propia do país.


Á vez que operarios retiraban o mobiliario da 30ª edición do Concurso Internacional de Saltos de Casas Novas (situado en Arteixo), un cento de persoas clamaban polo dereito a vivir en galego baixo a mirada de tres membros da garda civil. Con esta mobilización, A Mesa pola Normalización Lingüística quixo denunciar de maneira simbólica o “maltrato” e o “racismo” sufrido pola nena de 10 anos polo simple feito de falar a lingua do país neste centro hípico propiedade da familia do fundador de Inditex, Amancio Ortega (xestiónao unha empresa presidida pola súa esposa, Flora Pérez).

O presidente da Mesa, Marcos Maceiras, interveu ante as persoas que acudiron á chamada da asociación para cualificar de “desprezábel” o trato aturado pola nena por parte dunha das monitoras –que chegou a dicirlle que “a ti no te entiendo como hablas” ouaquí todos hablamos castellano y tú tienes que hablar castellano- e para exixir a intervención da Xunta de Galiza e mais o amparo do Valedor do Pobo. “Dirixímonos tanto á Secretaría Xeral de Política Lingüística como ao Valedor para que adopten medidas contra o centro hípico pola vulneración dos dereitos lingüísticos da rapaza”, expuxo, “as Administracións competentes teñen que sancionar este tipo de discriminacións inconcibíbeis”.

O presidente da Mesa anima a denunciar as agresións psicolóxicas por usar a lingua na Liña do Galego

Concentración da Mesa diante de Casas NovasMarcos Maceiras reclamoulle á Xunta de Galiza que cumpra coa “súa obriga de garantir os nosos dereitos lingüísticos os 365 días do ano” e lembrou que todos os veráns A Mesa ten coñecemento de discriminación por razóns de lingua en campamentos de verán. “O caso de Casas Novas non é un caso illado, por iso animamos as persoas que sofran agresión psicolóxica por empregar a lingua a denunciar a través da Liña do Galego da Mesa todas”, sinalou.

O presidente da Mesa aproveitou a súa intervención para lamentar a actitude da empresa, que no canto de adoptar medidas internas se limitou a devolverlle os cartos á familia da crianza humillada. “Atopámonos ante unha situación gravísima da que é responsábel a empresa”, insistiu Marcos Maceiras.

Na concentración, na que participaron representantes do BNG de Arteixo encabezados pola súa portavoz, Silvia Seixas, tamén tomou a palabra unha portavoz da familia da rapaza discriminada para agradecer, emocionada, o apoio recibido ao longo destes días.