A Mesa exixe á Xunta que actúe contra as funcionarias galegófobas da Delegación de Lugo

A Mesa exixe á Xunta que actúe contra as funcionarias galegófobas da Delegación de Lugo

Pide unha condena pública por parte da administración galega e que abra un expediente disciplinario contra estas dúas empregadas públicas.


Adela Figueroa, a usuaria da delegación da Xunta en Lugo que denunciou discriminación lingüística por parte de 2 funcionarias, compareceu esta segunda feira arroupada pola Mesa pola Normalización Lingüística para explicar publicamente o acontecido. Uns feitos, recollidos por Sermos Galiza, e que para a MNL don moi graves. Esta entidade pide á Xunta que condene publicamente o sucedido e que abra un expediente disciplinario a estas dúas traballadoras.

 

Mónica Pazos, secretaria xeral da mesa, asegurou que o que lle aconteceu a Adela non é un caso illado e criticou “o cinismo” de Núñez Feijóo que hai uns días afirmaba nunha conferencia que a situación do galego era vantaxosa comparada con outras do Estado, “con casos coma este de que presume o presidente da Xunta?” cuestionou.

 

Para a Mesa este feito é un síntoma da política lingüística do PP na Xunta e xa tramitou queixas ante Consellaría de Presidencia, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Secretaría Xeral para o Deporte e Valedor do Pobo para denunciar este caso de "agresión lingüística e discriminación dos dereitos máis elementais".

 

“Temos uns dereitos que non debemos deixar perder”

 

Adela Figueroa agradeu o traballo da Mesa e afirmou que “as persoas galegofalantes temos uns dereitos que non debemos deixar perder”. Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, fixo un repaso por toda a lexislación que se vulnerou por parte das dúas funcionarias.  Así, explicou que as funcionarias ao negarlle a posibilidade de ser atendida en galego, vulneraron dereitos lingüísticos elementais tales como o Estatuto de autonomía de Galiza no seu artigo 5.4.ou a Lei 3/1983  de normalización lingüística no artigo 6.1. que recolle que a cidadanía ten dereito ao uso do galego nas súas relacións coa administración pública.

 

Tamén contraviñeron, denunciou, lexislación estatal e internacional como; artigo 13.c) da Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas que estipula o dereito a utilizar as linguas oficiais no territorio da comunidade autónoma, o artigo 2.b) da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, que o Estado español ratificou e que explicita que as autoridades administrativas e servizos públicos comprométense a dar a posibilidade para os falantes de linguas rexionais ou minoritarios de presentar demandas orais ou escritas nestas linguas.

 

Por último, lembrou que a  Lei 2/2015 do emprego público de Galiza no artigo 185 recolle como faltas moi graves dos empregados públicos "toda actuación que supoña discriminación por razón de orixe racial ou étnica, [...] lingua, opinión,[...]".



x