A Mesa lamenta que o Festival do Viño da Ribeira Sacra “exclúa o galego”

A Mesa lamenta que o Festival do Viño da Ribeira Sacra “exclúa o galego”

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia a exclusión do galego no Festival do Viño da Ribeira Sacra organizado pola denominación de orixe Ribeira Sacra e o Concello de Monforte de Lemos e que conta co apoio da Xunta e as Deputacións de Lugo e Ourense.

Un festival que terá lugar no paseo do Malecón de Monforte os días 6, 7, e 8 de xullo. O Festival ten o nome en galego mais a páxina web, o cartaz e a case totalidade das comunicacións están en castelán, denuncia A Mesa.

Desde a Mesa lembran a Xunta, Deputacións de Lugo e Ourense e  Concello de Monforte “a obriga de promoveren a lingua galega e exixírenlles ao consello regulador da DO da Ribeira Sacra que non exclúa o galego do Festival do Viño da Ribeira Sacra”.

A Mesa pola Normalización Lingüística a través dun escrito dirixirase aos consellos reguladores das denominacións de orixe dos viños galegos para animalos a estenderen o uso do galego na documentación, redes sociais, publicidade, actas, reunións...