NO MARCO DA SÚA ASEMBLEA XERAL

A Mesa lanza unha ILP para garantir a igualdade do galego nas relacións comerciais 

A Mesa lanza unha ILP para garantir a igualdade do galego nas relacións comerciais 

A iniciativa conta con centos de apoios sindicais, empresariais e de organizacións de consumidores do país con fin de que “desaparezan as situacións de discriminación nas que se obriga a persoas a deixaren de falar galego para recibir servizos ou atención”.


A Mesa pola Normalización Lingüística anunciou este sábado o inicio dunha campaña para reclamar a igualdade do galego nas relacións comerciais e de consumo. A primeira medida foi a   presentación, realizada no marco da súa Asemblea Xeral, dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que conta co apoio inicial de organizacións de consumidores e sindicais do país e de centos de persoas dos ámbitos empresarial, académico, xurídico ou cultural. Unha iniciativa coa que esixen o desenvolvemento dun marco legal que garanta os dereitos lingüísticos.

“Queremos que desaparezan expresións como “o me habla castellano o no le atiendo”, e que a opción de galego estexa sempre dispoñíbel tal e como acontece coa outra lingua oficial”, sinalou Marcos Maceira, reelixido este sábado como presidente da plataforma. A ILP quere rematar coas situacións de vulnerabilidade, indefensión, denegación da atención e na prestación dos servizos, froito do desequilibrio lexislativo nesta materia e que, segundo a Mesa, “supón unha discriminación por razón de lingua e unha penalización ilícita que sofre a parte máis fébel da relación comercial: o consumidor e a consumidora”.

Maceira recordou que mentres existen no Estado español máis de 500 disposicións legais que garanten a presenza do español, 200 delas só para o ámbito socioeconómico, as galegas e os galegos só teñen recoñecido o dereito a empregala súa lingua mais sen a obriga de ser correspondidos pola outra parte. Neste sentido, a organización alertou de que o pasado ano detectou 335 casos de discriminación lingüística, a metade deles relacionados con este ámbito socioeconómico. 

O pasado ano denunciou 335 casos de discriminación lingüística, a metade deles relacionados con este ámbito socioeconómico. 

“Queremos que o galego estexa ao mesmo nivel, que sexa unha lingua para todo e que desaparezan as prácticas de chantaxe e as situacións de discriminación nas que se obriga a persoas a deixaren de falar galego para recibir servizos ou atención, en moitos casos por empresas subcontradas pola administración”, asegurou o presidente da Mesa, segundo nota de prensa. Unha falta de regulación que consideran tamén afecta ás persoas que traballan na atención o público ou a aquelas empresas que queren desenvolver toda a súa actividade en galego. 

A ILP enmárcase nunha campaña que se estenderá durante os próximos catro meses co fin de reunir sinaturas e apoios no país. Entre os puntos destacados da iniciativa están o recoñecemento pleno do dereito á atención galego, a recibir en galego calquera información; o dereito a dispor de contratos e formularios en galego; o respecto pola toponimia galega ou o dereito á opción de galego na teleatención. Especial atención pon no papel das administracións públicas, das que piden que dean exemplo ao contrataren servizos que garantan estes puntos. 

Nova directiva para a Mesa

A presentación da ILP foi o prato central da Asemblea Xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, que escolleu este sábado unha nova Comisión Permanente, que se amplía de sete a nove persoas, e onde Marcos Maceira foi reelixido como presidente. Recuperar espazos para o galegos a través da mobilización social continúa como obxectivo principal da nova directiva.



x