A Mesa lémbralle ao PP que a súa proposta lingüística limita o dereito a usar o galego

A Mesa lémbralle ao PP que a súa proposta lingüística limita o dereito a usar o galego
Casado e Feixoo nun acto en Vigo a prol da unidade de España.
Foto: Flickr do PPdeG
Casado e Feixoo nun acto en Vigo a prol da unidade de España. Foto: Flickr do PPdeG  

Lémbralle ao Partido Popular que a cidadanía galega ten dereito a ser atendida na súa lingua nas administracións públicas.


O PP incluirá no seu programa electoral unha lei orgánica para blindar e protexer o español como lingua oficial do Estado español e prohibir que as linguas cooficiais (galego, catalán e euskera) sexan un requisito indispensábel á hora de acceder a un emprego público. Esta pretensión xerou unha vaga de críticas e reproches aos populares. Entre elas, a da Mesa pola Normalización Lingüística,  que lle lembra ao PP que a cidadanía galega ten dereito a ser atendida na súa lingua polas administracións públicas.
 

Esta lei, ademais, entraría “en conflito directo co artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galiza”, que establece que o galego é a lingua propia de Galiza e cooficial, que todos teñen o dereito de o coñecer e de o usar, así como a obriga dos poderes públicos de garantir o seu uso normal e oficial.

Liberdade para o galego, contra as mentiras da imposición

 "A proposta do PP  supón prohibir ou limitar gravemente o dereito da cidadanía galega a usar a nosa lingua en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, a sermos atendidos e entendidos correctamente na administración pública", explica o presidente da Mesa, Marcos Maceira. "Se queren defender a liberdade", continúa Maceira, "o primeiro que deben garantir é o dereito a utilizar a lingua galega sempre e en todo lugar, en servizos públicos ou privados. Este dereito xa está limitado na actualidade, pola ausencia de requisito nas listas do Sergas ou na administración xeral do Estado".
 

 
O relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Fernand de Varennes, recolleu no informe preliminar que fixo público tras a súa visita ao Estado español que "as minorías lingüísticas teñen dereito a usar o seu idioma nas súas interaccións coas autoridades e institucións estatais" e que isto "segue sen cumprirse nalgunhas rexións”.