A Mesa leva ao Europarlamento o incumprimento polo Estado español e Xunta da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias

A Mesa leva ao Europarlamento o incumprimento polo Estado español e Xunta da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias

O secretario de Relacións Internacionais da entidade, Paulo Filgueiras, explicou como a ausencia de mecanismos que fagan cumprir ese acordo leva a que este sexa “papel mollado”.


O secretario de Relacións Internacionais da Mesa pola Nornalización Lingüística, Paulo Filgueiras, presentou esta quinta feira no Parlamento Europeo o relatorio sobre o cumprimento da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas. Unha intervención que decorreu no intergrupo de linguas minorizadas onde participan representantes de todos os grupos parlamentares europeos, por convite da eurodeputada do BNG, Ana Miranda. Tamén estivo presente a eurodeputada Lidia Senra.

Filgueiras explicou que, xa en ocasións anteriores, os expertos europeos alertaron sobre as deficiencias na aplicación da Carta, nomeadamente no ensino a través do mal chamado Decreto de plurilingüísmo que prohibe o galego en materias como matématicas, tecnoloxía e física e química, o que motivou unha recomendación do propio Consello de Ministros sinalando que a introdución doutra lingua non podía servir de escusa para a eliminación da propia no ensino. “Porén, nesta ocasión, o Estado remitiu ao Comité de Expertos un informe que manipula os datos e que mente, co fin de obter unha avaliación positiva”, denunciou o representante da Mesa.

A Carta é “papel mollado” senon se habilitan mecanismos para facer cumprir o tratado, afirmou Filgueiras, que mencionou diversos casos da situación do galego en Galiza, como as queixas da cidadanía que non poden acceder á xustiza en galego ou a ausencia do galego nos medios de comunicación, “menos actualmente nos medios escritos diarios que a principios dos anos 80”, apuntou.

Outro dos aspectos que denunciou é o da “substitución lingüística” que segundo constata A Mesa está a darse do galego polo castelán en espazos comunicativos que eran inicialmente en galego fomentados tanto polo goberno galego como o estatal.

A Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias é un tratado internacional promovido polo Consello de Europa que o Estado español ratificou en 2001 no seu grao máximo. Segundo a Carta, o Estado ten que garantir o uso pleno do galego nos territorios onde é oficial ou está protexido polo estatuto en ámbitos como educación, xustiza, administración, relación sociais e económicas, cultura ou relacións transfronteirizas



x