O GALEGO NOS CONCELLOS

A Mesa presenta á Fegamp a 'Guía para o uso do galego na Administración local'

A Mesa presenta á Fegamp a 'Guía para o uso do galego na Administración local'
Marcos Maceira, Alfredo García e Celia Armas (A Mesa)
Marcos Maceira, Alfredo García e Celia Armas (A Mesa)  

A Guía propón orientacións útiles para cada concelleira e concelleiro nas súas tarefas de goberno ou oposición para colocar a lingua galega en toda a súa acción. Será entregada a cada representante dos concellos galegos segundo o comrpomiso adquirido polo presidente da Fegamp.


A Guía para o uso do galego na Administración local, editada pola Mesa pola Normalización Lingüística, nace co obxectivo de que os concellos galegos asuman o compromiso de impulsar políticas activas en favor do galego e doten con recursos a planificación lingüística do concello, con actuacións transversais en todas as áreas municipais procurando o incremento do uso e o prestixio da lingua propia da Galiza.

Para tal fin, a Mesa reuniuse esta mañá con Alfredo García, actual presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) coa finalidade de presentarlle a Guía.

Na reunión participaron Marcos Maceira, presidente da Mesa, e Celia Armas, responsábel de Abertos ao galego. O presidente da Fegamp adquiriu ante eles o compromiso de «facer chegar a Guía a cada unha das e dos representantes dos concellos galegos que participen na asemblea da Federación Galega de Municipios e Provincias o próximo 29 de novembro».

«As corporacións deben garantir a presenza da lingua galega na actividade municipal de xeito transversal», afirmou Maceira

Na xuntanza, a e o representante da Mesa lembraron que os concellos galegos teñen o dereito e o deber de impulsar o proceso de normalización da lingua galega como lembra o artigo 5 do Estatuto de autonomía. Segundo sinalou o presidente da Mesa, «as corporacións deben garantir a presenza da lingua galega na actividade municipal de xeito transversal, implicando todas as áreas e todas as funcións, e non reducindo a normalización lingüística a unha soa área».

As medidas propostas na Guía da Mesa parten dos acordos asumidos unanimemente por todas as organizacións políticas de Galiza. Concretamente, da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias ratificada polo Estado español en 2001 e da Declaración universal de dereitos lingüísticos de 1996 asumida polo Congreso dos Deputados e polo Parlamento galego nese mesmo ano.

Esta declaración está desenvolvida e concretada no Protocolo de Donostia para a garantía dos dereitos lingüísticos promovido por Kontseilua e impulsado por máis dun cento de entidades sociais de toda Europa, incluída a Mesa pola Normalización Lingüística e que conta co respaldo de institucións da relevancia da UNESCO, OSCE, UNPO, ELEN…

A respecto das accións en cada área, a Guía parte doutro dos grandes acordos unánimes do Parlamento galego en relación á nosa lingua: o Plano xeral de normalización da lingua galega de 2004.