A Mesa demanda que os acordos para o goberno no Estado inclúan a axenda lingüística

A Mesa demanda que os acordos para o goberno no Estado inclúan a axenda lingüística
David Minoves, Marcos Maceira, Eva Terol, Francesc Marco e Paul Bilbao en Madrid, na presentación de 'Igualdade lingüística'  (A Mesa)
David Minoves, Marcos Maceira, Eva Terol, Francesc Marco e Paul Bilbao en Madrid, na presentación de 'Igualdade lingüística' (A Mesa)  

A demanda toma como punto de partida o manifesto 'Igualdade lingüística', que defende a liberdade e a pluralidade para garantir sociedades xustas e con dereitos e deberes iguais tamén no lingüístico.


A Mesa pola Normalización Lingüística insta as forzas políticas en condición de pactar para conformar un novo goberno no Estado, a que inclúan entre os acordos de goberno “o recoñecemento práctico e real da igualdade de dereitos e deberes das linguas propias”. 

En palabras do presidente da Mesa, Marcos Maceira, “esta proposta de recoñecemento e garantía da igualdade lingüística é unha proposta a favor da liberdade, do pluralismo e da democracia, á que só se pode opor a extrema dereita” ao ser “unha necesidade democrática e social”. 

A demanda baséase no manifesto Igualdade lingüística, que defende “a liberdade, a pluralidade e a democracia e que xa lle foi remitido a todas as forzas políticas”.  Emprázase así aos partidos a asumir eses tres principios para garantir “unhas sociedades xustas e con dereitos e deberes iguais para toda a cidadanía e non só para aquelas persoas que utilizan o castelán”. A Mesa informa que Néstor Rego, deputado electo do BNG no Congreso, visitará a sede da Mesa pola Normalización Lingüística para coñecer o documento de primeira man.

Este manifesto, que recolle a situación de desigualdade das linguas diferentes do castelán no Estado español, foi presentado o pasado mes de outubro en Madrid pola Mesa pola Normalización Lingüística xunto coas principais organizacións de defensa das linguas no Estado: Kontseilua (eúscaro); Plataforma per la Llengua, CIEMEN, Omnium cultural e Acció Cultural del País Valenciá (Catalán); Iniciativa pol asturianu (Astrurias); e Nogara (aragonés).

Rego defenderá no Congreso a "igualdade legal e real das linguas"

O deputado electo do BNG, Néstor Rego, comprometeuse esta sexta feira a defender a igualdade legal e real das linguas e anunciou que apoiará, tanto nas xuntanzas previas como  no Congreso, os acordos do manifesto Igualdade lingüística".  Nunha visita á sede da Mesa pola Normalización Lingüística, Rego, anunciou que incluirá a igualdade real e legal das linguas nas propostas que o BNG levará ás xuntanzas que se desenvolverán para un posíbel apoio ao acordo de goberno así como na súa acción política no Congreso.