DESDE A APROBACIÓN DA ILP, SÓ 861 ESTUDANTES RECEBEN AULAS DE PORTUGUÉS NA ESO E BACHARELATO

Nove meses da Lei Valentín Paz Andrade

Nove meses da Lei Valentín Paz Andrade
Ana Pontón e Valentín García
Ana Pontón e Valentín García  

Após a aprobación no mes de abril da Iniciativa Lexislativa Popular para o aproveitamento da lingua portuguesa só 8 centros novos imparten a materia. 


Desde que se aprobou a ILP Valentín Paz Andrade para o aproveitamento e promoción da lingua portuguesa en Galiza van xa 9 meses. Durante este período 8 centros de ensino novos (32 en total) ofrecen o estudo deste idioma abranguendo un total de 861 estudantes nos ensino obrigatorio (ESO) e post-obrigatorio (BACH). 

Desde o grupo parlamentar do BNG, a deputada Ana Pontón, criticou que a Xunta de Galiza e, no concreto, a consellaría de Educación, careza dunha "estratexia" planificada para promover a aprendizaxe da lingua portuguesa e asegura que existen retrocesos naqueles centros "pioneiros" no estudo do portugués. 

Case 2 mil estudantes

En sesión parlamentar a deputada nacionalista inquiriu o secretario xeral de Política lingüística, Valentín García, polas medidas adoptadas neste tempo para a aplicación da lei aprobada no mes de abril. García asegurou que no curso 2014-2015 hai 32 centros de ensino obrigatorio e post-obrigatorio no que se ofrece o estudo da lingua portuguesa --oito máis que antes de se aprobar a lei. En total, cursan estudos de portugués 861 persoas na ESO e Bacharelato xunto con 1.122 persoas através das Escolas Oficiais de Idiomas, o "duplo", segundo informou o secretario xeral, que o curso anterior. Aliás, indicou, "catro centros" contan con "seccións bilingües" en portugués. 

Para alén do máis, Valentín García subliñou os acordos asinados co Instituto Camões para a formación de profesorado --através de estadías de dúas semanas no país veciño-- e da presenza de "profesorado nativo" no noso país. 

Falta de promoción

A presenza desta lingua en Galiza, sinalou García, "vai medrando ano a ano" embora, acrecentou, "os medios son os que son". Porén, para Pontón (BNG) os dados evidencian a "falta de estratexia" por parte da Xunta para garantir o cumprimento da norma. "Non teñen ningún tipo de planificación", criticou a parlamentar do Bloque na súa quenda de réplica ao tempo que denunciou o "retroceso" en centros como o IES das Neves, "pioneiro" na oferta de portugués entre o alumnado mais que non pode impartilo no "primeiro curso" por falta de recursos. 

O Bloque critica que en comparanza coa cifra total de estudantes, a cantidade de alumnado que cursa estudos de portugués é "ínfima"

"Cal é o peso do portugués en relación con outras linguas? Houbo campaña de promoción? Nas vindeiras oposicións crearanse prazas para que se garanta unha oferta xeralizada desta lingua?", preguntou Ana Pontón quen ao abeiro dos dados fornecidos polo secretario xeral entende que a cifra de estudantes é "ínfima" en relación ao conxunto do estudantado galego.

Desde o BNG critican que a promoción e aproveitamento do portugués sexa mellor en Estremadura. Pontón valeuse dunha información publicada no xornal luso Publico.pt na que se recolle a política lingüística estremeña en relación coa lingua portuguesa cuxo estudo se recolle no ensino regrado desde hai anos. 

Porén, Valentín García gabouse de ter sido un "goberno" do Partido Popular o que aprobase a Lei Paz Andrade, iso si, após introducir mudanzas no texto lexislativo presentado como iniciativa popular. "Puido facerse antes", sinalou, "mais fíxose agora", como tamén, acrecentou, a emisión dun programa producido en parcería entre a TVG e a RTP, Aquí Portugal.