MÁIS DE 300 RECLAMACIÓNS LINGÜÍSTICAS

A metade das queixas á Mesa por discriminación refírese a administracións públicas

A metade das queixas á Mesa por discriminación refírese a administracións públicas
De esquerda á dereita, a directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos elsa Quintas, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira, e a técnico do Observatorio Sara Seco. Foto: Uxía Castro.
De esquerda á dereita, a directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos elsa Quintas, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira, e a técnico do Observatorio Sara Seco. Foto: Uxía Castro.  

Practicamente a metade das queixas por vulneración de dereitos lingüísticos recibidas na Liña do Galego da Mesa pola Normalización Lingüística refírese a administracións públicas. Así o expuxo esta terza feira a vicepresidenta da entidade, Elsa Quintas, nunha comparecencia de prensa en que cifrou nunhas 300 as reclamacións recibidas en 2018.
 


“As 300 queixas recibidas son unha mínima parte das discriminacións e vulneracións de dereitos lingüísticos que acontecen todos os días e que en moitos dos ámbitos sinalados son sistemáticas”, explicou Elsa Quintas, directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos. Que o 46% dos casos analizados sexa relativos ás administracións públicas -estatal, autonómica ou locais- é, para Quintas, síntoma de que “a cidadanía é máis consciente dunha normativa que ampara os seus dereitos e tolera menos a súa vulneración”.

Dentro das queixas referidas ao sector público, un 45% corresponden a problemas no ámbito autónomo -un 12% no Sergas e un 33% na propia Xunta-; un 35% ás administracións locais e un 20% á do Estado. “Estes datos son unha evidencia dos pasos atrás que o goberno da Xunta está a dar nos últimos anos en relación ao impulso do uso do galego na administración e no respecto aos dereitos lingüísticos da cidadanía”, engadiu Quintas.

Xa por temáticas, o 30% das queixas teñen a ver coa “discriminación e exclusión do galego”. O 22%, coa deturpación toponímica. O 18%, coa non atención, oral ou escrita, en galego. O 12%, coa non rotulación e sinalización en galego.

“Esta normalidade da exclusión do galego é mostra da consideración de inferioridade do galego e das persoas que o utilizan”, afirmou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “o galego é a lingua das galegas e galegos, temos dereitos e queremos vivir nela. Por iso, convén reclamar”.

Liña do Galego


A Liña do Galego tramitou en 2018 303 queixas, 29 consultas e 58 parabéns. A comunicación coa oficina dependente da Mesa pola Normalización Lingüística realízase a través de chamadas telefónicas, correos electrónicos ou mensaxes a través da aplicación ao seu nome. Segundo lembraron os seus promotores, o seu labor obtivo resultados concretos, por exemplo no caso do Concello de Sanxenxo, cuxa web está dispoñíbel en galego despois do envío de expedientes de queixa de Liña do Galego. Ou os cartaces do Cine Forum, do Concello da Coruña. Ou mesmo na corrección dos topónimos deturpados da páxina da Garda Civil.