Miles marcharon por un"paso adiante" para o galego e contra as políticas lingüicidas

Miles marcharon por un"paso adiante" para o galego e contra as políticas lingüicidas
MARCHA
MARCHA  

Nova demostración de forza de Queremos Galego, na súa mobilización máis descentralizada. Miles participaron nas 8 marchas convocadas nas 7 cidades do país máis Foz. Foi unha marcha pro-activa, non resistencialista, cun lema en positivo: por un "paso adiante" para o galego. Os ataques ás políticas lingüicidas da Xunta foron a tónica xeral. Vídeo no interior


Nen conformismo nen instinto suicida. Queremos Galego convocou a xente deste país coa intención de as galegas e os galegos darmos un paso adiante para conquistarmos a plena normalidade de usos para o galego no seu propio territorio. "Non temos a menor vontade de suicidio nin de resignación", reza o manifesto da plataforma lido nas 8 marchas decorridas no conxunto do país.

O manifesto chama á tomar as rédeas do galego nas nosas mans, a auto-responsabilizarnos do seu futuro, sendo que "non só non contamos coa protección institucional, senón que temos que gastar o tempo a defendérmonos das ilegalidades que os poderes públicos perpetúan contra o galego".

Resistir está ben cando te oprimen, mais chegou o tempo de avanzar, de dar pasos adiante para o galego, nos ámbitos nos que o galego na Galiza recebe o mesmo trato que unha lingua estranxeira.

Nese sentido, o manifesto -que foi lido por representantes das distintas organizacións que fan parte de Queremos Galego- expresa con clareza que a relación entre as distintas linguas na Galiza está lonxe de ser harmónica, senón que se caracteriza polo desequilibrio, a desigualdade e a opresión. "O galego é a nosa lingua. A Galiza ten unha lingua de seu que é o galego. Por isto, non podemos tolerar que no noso país, hoxe, o español, coa axuda do inglés, se utilice como o seu sepultureiro", engadiu.