COMO DICILO?

Á miñoca

Foto: Luis Miguel Bugallo [Galipedia]
Foto: Luis Miguel Bugallo [Galipedia]  

Seguramente as nosas lectoras e lectores terán utilizado ou escoitado esta locución co significado de ‘moi pobremente’ e formando parte dunha frase que utiliza o verbo andar/vivir/casar/morrer e algún outro.

 

Para entendermos ben o porqué deste significado debemos primeiro entender a construción da frase. E para iso temos que sobreentender un verbo que non está expresado nela: andar á miñoca, por exemplo, viría sendo andar a (apañar, coller, buscar, pillar, etc) a miñoca >andar á miñoca. Naturalmente, pódese apañar miñoca para algunhas funcións determinadas como a de servir para senrada ou cebo da pesca, mais no caso que nos ocupa —como alimento, como mantenza— o que expresa é unha situación ben extrema, quer falemos en sentido literal quer figurado. A frase resulta bastante máis expresiva que a súa equivalente española de andar a la cuarta/quinta pregunta.

 

Usamos moito en galego esta construción (andar + preposición a + artigo determinado + substantivo) para indicarmos unha actividade regular (por exemplo O Luís agora anda ás nécoras, antes andaba á sardiña ou Cando eramos cativos andabamos aos moquetes por calquera cousa) e se esta actividade non é sistemática senón momentánea prefírese utilizar o verbo ir (Vou ao pan e volvo loguiño)

 

Temos na nosa lingua diversas variantes de andar á miñoca como andar ás minchas ou andar aos grilos, aínda que estas poderían tamén significar ‘estar distraído, aparvado, aboiado, etc.’ Neste último caso preferimos construílas coa preposición en (andar nas minchas igual que andar nas verzas, andar nas patacas, andar nas nubes, etc). Con todo, o significado máis xeral é o de vivir pobremente, pasar fame; velaí un dito galego ben ilustrativo:

 

Cando a raposa anda aos grilos, mal para a nai e mal para os fillos

 

Esta miseria, esta laceira, esta larica, plásmase en locucións idiomáticas ben expresivas como algunhas que xa temos comentado, ou outras como non ter máis que o día e a noite ou non ter leito nin teito. E en comparanzas como ser máis pobre que as arañas ou pasar máis fame que un can.

 

Hoxe, os catro cabaleiros do Apocalipse campan furiosamente polo mundo e a miseria vai engolindo a cada paso máis terra e máis xente, por moito que nos pregoe o aparato de propaganda do sistema. Como pretende esa consigna —espallada polo globo en diferentes linguas— de que diñeiro chama diñeiro, que o que teña un pouco, moi logo, a poder de agudeza, terá doadamente máis e hase poñer rico decontadiño, ou cando menos poder vivir folgadamente.

 

Un dos contos populares galegos recolleitos por Laureano Prieto na fermosa fala da terra ourensá de Viana (Contos Vianeses, Galaxia, 1958) e titulado precisamente Diñeiro chama diñeiro narra o caso dun inxenuo mociño, que aforrara uns cartiños do que ía esmolando e se deixa cegar polo fulgor das moedas de ouro dun gran establecemento ao lle faceren soñar cun enriquecemento rápido. Ao final queda sen nada porque a cousa é certa, pero algo distinta: diñeiro chama diñeiro… pero é o muito ao pouco.

 

Diríase o conto actual da banca e as súas promesas.

 

A sabiduría popular ben o advirte: a non ter calquera chega. Cómpre, polo tanto, ter moito siso e prudencia, como aconsella esta cantiga:

 

Terche moito non convén,

tampouco convén ter pouco,

p’ro cómpre, por eso, ter

sexa moito, sexa pouco.

 

Cando menos para ir indo.

 

 

 



x