“SÓ EN GALEGO TEMOS FUTURO”, SALIENTA MACEIRA

Unha mobilización masiva reclama o dereito a vivir en galego cada día

Unha mobilización masiva reclama o dereito a vivir en galego cada día
[Imaxe: Laura R. Cuba]
[Imaxe: Laura R. Cuba]  

Varios milleiros de persoas ateigaron as rúas compostelás para manifestaren o orgullo por manter o galego vivo día a día e para reclamaren xustiza co fin de devolverlle á lingua propia de Galiza o protagonismo roubado á forza.


Manifestación polo Día das Letras Galegas 2018 na Praza da QuintanaO feito de que trens que partían da Coruña e de Vigo con destino a Compostela ficasen sen prazas xa deixaba ver o suceso da manifestación convocada por Queremos Galego con motivo do 17 de maio. Os convois saían ateigados de persoas que querían reivindicar o dereito a vivir en galego con normalidade.

O que horas atrás era un prognóstico facíase realidade pasadas as 12 horas nunha Compostela bañada cunha maré de xente, chegada de toda Galiza, que coreaba consignas en defensa da lingua galega: “Na Galiza, en galego”; “Sempre en Galiza, sempre en galego”, “Aquí está, aquí se ve a mocidade galega en pé” ou “Na escola e no traballo, en galego a diario”. Entre as milleiros de persoas atopábanse a portavoz do BNG, Ana Pontón; o portavoz de En Marea, Luís Villares, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. Tamén asistiu o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

A comunicadora Nieves Rodríguez foi a encargada de conducir o acto unha vez chegou a cabeza da manifestación á praza da Quintana, que acolleu, en primeiro lugar, a lectura do manifesto “En galego día a día” a cargo de Marga Romero, membro do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., que, alén do dixital, é o único semanario en papel en galego; Concha de la Fuente, produtora do programa da Radio Galega “O Diario Cultural”, que leva emitíndose 28 anos e que desaparecerá en setembro; Anxos Sobriño, presidenta da coordinadora de traballadores e traballadoras de normalización da lingua e traballadora da xustiza; Adela Figueroa, escritora e cidadá que ao solicitar que a atendesen en galego no edificio administrativo da Xunta en Lugo recibiu como resposta “Yo solo hablo castellano. No me da la gana de hablar en gallego”, e Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Após a lectura do manifesto tivo lugar o momento máis aplaudido da xornada, a actuación de Franki e os labregos da linguaxe, co rap “Rapea, que a lingua non para”, premio do Correlingua deste ano (IES Antonio Fraguas de Compostela).

Sobreesforzos

Fechou o acto o portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, quen na súa intervención pediu “xustiza” para lle devolver ao galego “todo o protagonismo roubado á forza”. “Queremos galego porque é democracia, son dereitos humanos e é desenvolvemento social: é necesidade!”, agregaba Maceira, quen criticou que se nos obriga “a un sobreesforzo que ataca a nosa dignidade persoal e colectiva e que non fariamos de termos a normalidade que noutros países si hai para as súas linguas”.

Con ese sobreesforzo referíase ao profesorado que ten que amosarlle ao alumnado que o galego non é unha lingua estranxeira e que serve para materias como Matemáticas, Física, Química ou Tecnoloxía, que só poden impartirse en castelán ou inglés debido ao decreto do plurilingüismo aprobado polo Goberno de Alberto Núñez Feixóo.

Tamén aludiu ás nais e pais que “buscan solucións cos seus propios medios ante a inexistencia ou oferta marxinal do galego nas aulas, no lecer, nos xoguetes ou na programación televisiva, que nin chega ao 4%”. Na mesma liña, citou as editoriais, autoras e autores que seguen a manter a creación en galego fronte ás axudas públicas “que se reducen e se negan para o galego”. Fixo, entón, referencia á supresión do "Diario Cultural" da Radio Galega como vía de difusión da cultura.

Maceiras reivindica “a oficialidade plena en todo o territorio da nosa lingua”

asdfawefUn sobreesforzo, dixo, que tamén fai parte do empresariado e traballadoras e traballadores. Un sobreesforzo, engadiu, que “desanima a comezar a falar galego a quen só ten a vontade propia como axuda fronte a inseguridade e todas as barreiras”. Un sobreesforzo, afirmou, que é aínda maior en territorios como o Navia-Eo, Sanabria, O Berzo ou o Val do Ellas. Foi entón cando Maceira reivindicou “a oficialidade plena en todo o territorio da nosa lingua”. "Con todos estes sobreesforzos non sorprende que o galego perda falantes, sorprende que con todas as feridas aínda sobreviva!", salientou.

Marcos Maceira valorizou no seu discurso o papel da sociedade á hora de lograr o estatus de cooficialidade da lingua e acusou a Xunta de convertelo nun recoñecemento baleiro. “Aquí é o propio goberno quen renega dos principios comúns”, denunciou. Preguntouse onde fican as obrigas de promoción da lingua que estabelece o estatuto ou a liberdade para vivirmos en galego. Acusou Feixóo de desprezar a dignididade do seu cargo e de actuar “como un vulgar subdelegado do goberno en provincias”.

Maceira: “Quen conseguiu que compañías de seguros comecen a anunciar a disposición de pólizas en galego tras 20 anos de obriga legal? Non foi a Xunta quen fixo cumprir a lei, foi a mobilización social!”

“O galego está na administración, na xustiza, na rede ou nos medios de comunicación só cando actuamos para que estea”, afirmou, “quen conseguiu que compañías de seguros comecen a anunciar a disposición de pólizas en galego tras 20 anos de obriga legal? Non foi a Xunta quen fixo cumprir a lei, foi a mobilización social!”, subliñou.

Na mesma liña, o portavoz de Queremos Galego fixo alusión ao proxecto para a saída de O Diario Galego, “até é a vontade popular quen actúa para termos por fin un diario en papel no noso idioma!”

155 lingüístico

O presidente da Mesa criticou que a única política lingüística da Xunta de Galiza sexa “a da propaganda” e denunciou que “tamén é a política da execución dun 155 lingüístico encuberto”.

Maceira:  “Ao galego négaselle o que non se lle nega a ningunha outra lingua oficial no Estado”

“Un 155 porque mantén a superioridade  e vixencia en Galiza das máis de 500 disposicións legais do Estado que impoñen o español e anula  as competencias e a capacidade da Xunta de actuar, lexislar e ter iniciativa a favor do galego”, explicou, “un 155 porque sitúa o idioma Galiza na posición de maior indefensión de todas as oficiais no Estado e a única que perde falantes”. “Ao galego négaselle o que non se lle nega a ningunha outra lingua oficial no Estado”, denunciou.

Confianza no futuro

Malia o contexto de exclusión que sofre o galego, o presidente da Mesa apelou ao futuro, “porque se o galego vive é pola vontade firme dun pobo que teima en existir e facerse valer”.

“Temos todo por gañar. Mais precisamos ser máis fortes uníndonos, organizándonos, activándonos para defender a lingua, na Mesa pola Normalización Lingüística, en entidades sectoriais ou en calquera colectivo na nosa localidade ou comarca para a defensa da lingua. Todos e todas facemos máis falta que nunca, todos e todas somos o sostén do noso idioma”, afirmou, entre os aplausos das miles de persoas que ateigaron, e as que trataban de seguir accedendo, a praza da Quintana. O acto finalizou coa interpretación do Himno Nacional.



x