COMO DICILO?

Moi difícil

Hai cousas que custa ferro e fouce facelas
Hai cousas que custa ferro e fouce facelas  

Cando unha acción resulta moi difícil de realizar, que costa moito traballo facela, dicimos en galego figuradamente que custa ferro e fariña ou que custa ferro e fouce. En español, o seu equivalente sería costar Dios y ayuda.

 

No outro extremo estaría a acción moi doada, a situación moi fácil. En galego, dunha maneira coloquial e máis ou menos figurada poderiamos caracterizar esta facilidade dicindo: iso faino calquera, iso faino un rapaciño (ou unha rapaciña), iso faise co pé (ou co dedo mendiño), iso faise cos ollos pechados (ou durmindo), etc. aínda que tamén podemos empregar algunha frase feita para dicilo. O estudoso L.C. Carballal, nun artigo en liña ("Expresións enxebres" no seu útil blogue Extensión do galego) ofrécenos unha recadádiva de locucións entre as que figura ser porta de tarabelo para significar unha acción moi doada. Esta sería realmente unha locución ben galega e non coser e cantar ou ser pan comido que son simples calcos do español.

 

Normalmente, a facilidade ou dificultade dunha acción vai de par co tempo que leva a súa realización. Ás veces, daquela, costar ferro e fariña expresa fundamentalmente na frase ese matiz temporal: Costounos ferro e fariña pero ao final fixéronnos caso. Coa mesma, para a rapidez de realización dunha acción podemos empregar a frase chegar e encher. Así, por exemplo :

 

-Tivestes que esperar moito ? –Nadiña, foi chegar e encher! Se quixeramos atopar un equivalente castelán deste noso chegar e encher teriamos que dicir llegar y besar el santo. 

 

Chegar e encher non pode ser é un dito que aconsella ter paciencia, igual que a aconsellan (e realismo) outros, algúns deles xa comentados como :

 

Urdir e tecer non pode ser

Non se pode querer sol na eira e chuvia no nabal

Non se pode fiar e munxir a vaca ao mesmo tempo

 

A frase máis coñecida en español equivalente destas vén sendo No se puede estar en misa y repicando (ou No se puede repicar y estar en la procesión).

 

É curioso: Dios y ayuda… besar el santo… misa… procesión. A influencia da relixión resulta manifesta en español neste eido da fraseoloxía e contrasta coa súa ausencia nos exemplos galegos, equivalentes, baseados no cultivo e no labor diario.

 

Claro que sen moito esforzo podíamos citar decontado media ducia de frases galegas con presenza da relixión :

Costa abaixo todos os santos axudan

Irlle gardar os pitos ao señor abade

Deus te compoña! (ou …te faga bo)

Ver o ceo aberto

Etc.

Tamén é certo que ás veces os ditos galegos revelan unha moral moi pragmática como esa afirmación de Deus é bo e o demo non é malo, ou –se se considera dende unha visión inquisitorial- pouco devota e mesmo irreverente como o Boh, vai rezar co que mandamos alguén a paseo.

 

 



x