COMO DICILO?

Moitos bicos

Novoneyra falaba do "bicarelo do bico do brelo".
Novoneyra falaba do "bicarelo do bico do brelo".  

Dixemos no anterior artigo que o bico é segundo unha definición moi simplista da Academia Galega: "1. Boca das aves. 2. Boca das persoas e de certos animais". Máis completa podería ser estoutra, tirada do dicionario online de portugués Dicio: "Órgão constituído por duas partes córneas que, nas aves, cobrem as maxilas. Por analogia a boca proeminente de alguns outros animais. A boca do homem [...]".

 

En explicación nosa, tamén simplista, diremos que as aves, os paxariños, lévanlles ás crías que agardan no niño a comida. Lévanllela no bico e por iso lle chamamos a bicada.  De aí a expresión pillar, coller bicada que vén sendo herdar (dos pais en principio), recibir un beneficio económico; nun sentido lato equivalería ao español sacar tajada.

 

Dixemos tamén, xa, que podemos empregar bico para outros animais (o bico ou fociño do porco) e mesmo para as persoas figuradamente (Sempre tes que andar a meter o bico!). Igualmente dixemos que bico é sinónimo de beixo, chucho ou ósculo. 

 

Mais existen aínda outros bicos: o bico da xerra (e outros útiles e aparellos por onde escorre o líquido) asemella a parte inferior do bico das aves encamiñando o líquido para que escoe centrado. Tamén lle chamamos bico ao da fonte, aínda que neste caso remata moitas veces nun cano redondo, un picho.

 

O bico é un remate en punta, e falamos así do bico do peito, do seo ou da teta, é dicir do mamilo, e do bico do queixo naquel que imita a forma do seo. Igualmente pensando nas puntas dicimos, por exemplo, camiñar nos bicos dos pés. Naturalmente, ese remate non ten por que ser necesariamente cara a abaixo e falaremos así do bico dunha montaña ou do bico dunha escaleira para o punto máis alto. O bico ou pico  coas súas moitísimas variantes : o bicarollo, o bicarelo, o picouto, o perico, o pericoto, o píncaro, etc.

 

A biqueira é a punta do zapato; en tempos reforzábase cun arquiño metálico  que  cando batía nas pedras facía muxicas, de aí o expresivo ir a lume de biqueira para significar ‘ir correndo moito’. Na vida corrente ou no xogo do fútbol fálase de dar unha biqueira (ou un biqueirón) para un puntapé.

 

O remate en punta pode tamén ter forma angular como cando se fala do bico dunha lancha como sinónimo da proa.

 

É tempo de nos envisarmos na poesía de Novoneyra, como me lembra o meu amigo Pepe Pereiro. Tamén o poeta do Courel era dos que levaba no bico un cantar :

 

        No bicarelo do bico do brelo
        canta o paxariño.
        No mesmiño
        bicarelo do bico do brelo.

 

 



x