Xeración Z: galegofalantes en mínimos, castelanfalantes en máximos, e prexuízos sobre sotaque e fonética galega

Xeración Z: galegofalantes en mínimos, castelanfalantes en máximos, e prexuízos sobre sotaque e fonética galega

Son os nados na década dos 90. Un estudo da Real Academia Galega indica que falan menos galego que as xeracións anteriores mais tamén ten menos prexuízos a respecto do idioma. 34% son monolingües en castelán, grupo maioritario; 32% falan máis castelán que galego; 18% só galego e 15,5% máis galego ca español.


A xeración Z comprende as persoas nadas na década dos 90, entre 1990 e 1999. Unha xeración que veu ao mundo canda un cambio socioeconómico, cultural e tecnolóxico que modificou a relación coa lingua galega a respecto das xeracións anteriores, como ‘a do milenio’ (persoas nadas entre 1979 e 1989). Como é a situación do idioma nesa xeración? Cal é a súa relación co galego? Como o valoran? Un estudo do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega quer dar resposta a estas preguntas.

Algunhas das claves avanzounas en Barcelona, no marco das ‘IV Jornades la recerca sociolingüística en l’àmbit de la llengua catalana’, o especialista Xaquín Loredo: o galego continúa a perder terreo, tanto na comunicación diaria como referente lingüístico familiar.

As valoracións máis positivas da lingua galega danse especialmente cando se acompaña dunha fonética e prosodia castelás. As percepcións sociais máis negativas asócianse á expresión en castelán con fonética galega

Na Xeración Z hai un 18% de monolingües en galego, 11 puntos menos que a xeración anterior, onde eran 29,3%. O grupo de persoas que falan máis galego ca castelán é de 15,5%, lixeiramente superior a 15% que eran na Xeración do milenio. Dispáranse os grupos de monolingües en español (case 34%, 6 puntos máis que a xeración anterior) e a dos que falan máis castelán que galego (31,7%, case 4 puntos máis).

Así pois, o monolingüismo en castelán xa é o grupo maioritario, na xeración anterior érao o de monolingües en galego.  Ademais, 44,2% da xeración do milenio (persoas nadas entre 1979 e 1989) exprésase oralmente en galego ou máis en galego ca en castelán, esta porcentaxe descende na xeración Z a 33,6%.

Sotaque, fonética, pronunciación

A Real Academia Galega desenvolveu unha análise para coñecer se as percepcións sociais arredor dos falantes mudaron. Con esta finalidade, replicouse a proba xa realizada coa xeración do milenio. O obxectivo era explorar as diferenzas entre as valoracións de tipo actitudinal que, de modo indirecto, se realizan sobre unha rapaza e un rapaz que se expresan publicamente nas modalidades lingüísticas máis comúns de Galiza (galego innovador, galego tradicional, castelán con acento galego e castelán sen acento), en virtude de cal poida ser o seu hábitat de residencia, lingua inicial, sexo e lingua habitual.

Así, as percepcións sociais máis negativas asócianse á expresión en castelán con fonética galega. Aínda que segue a haber fortes prexuízos contra os trazos fonéticos e prosódicos propios do galego, comézase a asociar a lingua galega a valoracións máis positivas, relacionadas coa dimensión competencia-status social. As valoracións máis positivas da lingua galega danse especialmente cando se acompaña dunha fonética e prosodia castelás.