Os nomes das rúas centran a IV Xornada de Onomástica Galega

Os nomes das rúas centran a IV Xornada de Onomástica Galega
Luz Méndez, Víctor F. Freixanes e José Manuel Rey na presentación. Fonte Deputación de Pontevedra
Luz Méndez, Víctor F. Freixanes e José Manuel Rey na presentación. Fonte Deputación de Pontevedra  

A Real Academia Galega realizará o encontro o sábado 19 de outubro no Museo de Pontevedra.


A cuarta edición destes encontros, dedicada aos nomes das rúas, foi presentada en rolda de prensa esta cuarta feira, 2 de outubro, no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra. Na intervención participaron Víctor F. Freixanes; presidente da Real Academia Galega; José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra; e Luz Méndez, académica correspondente e coorganizadora da xornada.

As xornadas xuntan achegas de 14 especialistas que profundarán no sistema de conformación nos centros urbanos de Galiza con especial atención ao compoñente social, histórico e político. Baixo coordinación das académicas correspondentes Ana Boullón e Luz Méndez, o programa (que pode descargarse aquí) preséntanse dividido en catro sesións. A primeira das intervencións, presentada por Ramón Lorenzo, tratará a conformación dos nomes das rúas na Idade Media en Santiago de Compostela, da man de Gonzalo Hermo (Universitat de Barcelona), e en Baiona, por Gonzalo Navaza (Universidade de Vigo). A seguir, Antonio Míguez Macho (Universidade de Santiago de Compostela) abordará a “Apropiación do espazo público e memoricidio: do golpe de 1936 ás políticas públicas da memoria”, presentado por Antón Santamarina. 

A segunda sesión, presentada por Xulia Marqués, está dedicada aos Modelos de intervención didáctica e contará coas palestras e experiencias de Suso Fernández Acevedo (IES Ribadeo), con “A toponimia urbana como recurso didáctico: un proxecto do IES Dionisio Gamallo de Ribadeo”, e Pilar Buela e Carlos Montejano (IES Valga), con “Hai rúas nas aldeas? Unha experiencia didáctica no concello de Valga”. 

Na terceira das sesións, moderada pola coorganizadora Luz Méndez, levarase a cabo a mesa redonda “A salvagarda da toponimia tradicional fronte á hodonimia conmemorativa: a práctica da denominación das rúas nos espazos urbanos”, que contará coa participación de Conchi Cochón (SNL do Concello de Pontevedra), Marta Souto (SNL do Concello de Vigo), Iván Méndez (SNL do Concello da Coruña) e Marta Negro Romero (ILG). 

Por último, péchase esta IV edición das Xornadas de Toponimia coa intervención de Gonzalo Navaza (Universidade de Vigo), “Proposta para un modelo de denominación hodonímica”.

As xornadas anteriores estiveron centradas na microtoponimia, nos nomes de persoas e apelidos e tamén nos alcumes.

Inscrición 

Para formalizar a inscrición cómpre enviar un correo electrónico antes do 15 de outubro a [email protected] no que figuren os seguintes datos: Nome e apelidos, DNI, Enderezo postal completo, Correo electrónico, Teléfono, Datos profesionais. Ao final das xornadas entregarase un diploma de asistencia. Máis información en http://academia.gal A Xornada está en proceso de obter o recoñecemento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como actividade de formación permanente do profesorado.