Nacen os Premios Mil Primaveras para recoñecer o traballo no ámbito da normalización lingüística

Nacen os Premios Mil Primaveras para recoñecer o traballo no ámbito da normalización lingüística
Imaxe dunha xuntanza da directiva da CTNL
Imaxe dunha xuntanza da directiva da CTNL  

Creados pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL).


A Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua (CTNL) crea e convoca os Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego coa finalidade de cubrir un oco nos premios de normalización da lingua.

Con esta iniciativa preténdese “difundir o labor ilusionante e necesario de promoción da lingua que desenvolven servizos de normalización lingüística, equipos de normalización e dinamización lingüística, asociacións e outras entidades públicas e privadas”, así como “valorar e espallar o bo traballo que se fai no campo da normalización lingüística”.

Os premios recoñecerán accións, programas, campañas, proxectos etc. que teñan como obxectivo a promoción do uso e do prestixio da lingua galega.

Os premios abranguen seis categorías: Premio ao mellor proxecto estabilizado, ao mellor proxecto novo, á mellor comunicación e impacto,  ao proxecto máis innovador, ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade e  ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial.

A participación nos premios é voluntaria e a presentación dos programas de normalización lingüística candidatos deben facela as propias entidades que os desenvolveron. Todas as candidaturas deberán ser de programas, proxectos ou accións xa desenvolvidas e con vixencia total ou parcial en 2017, 2018 e 2019; non se valorarán propostas de accións pendentes de levar a cabo.



x