COMO DICILO?

Nin eira nin beira

Nin eira nin beira
Leiras á beira do océano [Foto: Turismo.Gal]
Leiras á beira do océano [Foto: Turismo.Gal]  

Unha bonita locución moi empregada en Portugal e o Brasil caracteriza certeiramente a persoa que está nunha pobreza extrema dicindo que não tem eira nem beira. Normalmente incorpórase á frase unha pequena prolongación: Não tem eira nem beira nem raminho de figueira (ou nem pé  -ou pau- de figueira)

A explicación máis espallada da orixe da expresión baséase nas construcións coloniais do Brasil, que diferenciarían a simple vista os ricos dos pobres pois as casas dos ricos seica terían tres tellados, tres andares: a eira, a beira e a tribeira. Nós preferimos outra explicación máis sinxela, como a que subliña a carencia de eira (ese tan importante terreo integrante da casa rural onde facer labores agrícolas e vida comunitaria), de ningún espazo libre rente da vivenda, ou mesmo dunha sombriña de árbore ou de froitos que comer.

Ignorabamos a existencia desta locución entre nós, mais as notábeis especialistas Carme López Taboada e Mª do Rosario Soto Arias xa recolleron a frase hai anos nun seu útil traballo (Como falan os galegos, GaliNova 1995). Sería en galego Non ter eira nin leira, nin pao de figueira  (repárese na variante leira) e o seu significado o mesmo que o da devandita: "Non ter nada".

En galego a frase sería "Non ter eira nin leira, nin pao de figueira"

En calquera caso, aínda que con menos frecuencia, en portugués não ter eira nem beira aplícase tamén a algo para caracterizalo como feito de maneira totalmente desorganizada, sen lóxica nin sentido; viría sendo unha expresión semellante a sen pés nin cabeza ou sen orde nin concerto. Mais se cadra a mellor equivalencia en galego sería outra de igual construción: sen xeito nin dereito. Por exemplo: iso que fixeches non ten xeito nin dereito.

A que si é unha locución ben constatada en galego (entre outras fontes polas mesmas autoras) é Alí non hai lume nin fume nin pinta de estrume, frase que a maiores de ter igual feitío trinario ten tamén o mesmo significado, o de alí non hai nadiña indicando pobreza e carencia total de vida nun lugar. Non se dan as condicións necesarias para sobrevivir ante a imposibildade de se gardar do frío, de poder cociñar, de realizar toda unha serie de labores domésticos e agrícola-gandeiros.

Nunha e noutra locución, parece que estamos ante a dramática situación dos sen-terra ou sen-casa, mesmo se as persoas que teñen que acocharse nela dispoñen dunha choupana, unha casarella.

O que resulta claro é que estas dúas frases constitúen un fermoso exemplo de ritmo, rima e expresividade na construción e no contido. Unha desas moitas xoíñas da fala que debemos agarimar sempre transmitíndoas ás xeracións vindeiras.