COMO DICILO?

Nin…

Nas nosas sociedades a maior parte da xente nin ata nin desata
Nas nosas sociedades a maior parte da xente nin ata nin desata  

Ás veces, para negar dous elementos, atopamos frases negativas construídas cun primeiro adverbio non e un segundo nin (por exemplo: Hoxe non almorcei nin xantei) aínda que  tamén podemos —e é máis frecuente— construír a frase con nin nos dous casos (Hoxe nin almorcei nin xantei). As dúas teñen practicamente o mesmo significado.

De todos os xeitos, coa mesma construción …nin…nin… podemos atopar maiormente tres empregos diferenciados:

1.- Negar exclusivamente as dúas posibilidades, simplemente os dous extremos, como en:

Nin almorcei nin xantei, 

Nin chamou nin escribiu 

Nin veu en tren nin en avión

É dicir, non foi nin unha cousa nin a outra

2.- Negar as dúas posibilidades, os dous extremos, abrindo unha terceira vía, un “territorio do medio” que si se aceptaría:

Non collas nin tanto nin tan pouco 

Suxeriríase unha posibilidade intermedia

A construción aparece abundantemente con este uso en frases feitas e locucións xa citadas ou novas, como:

Nin tanto “Arre!” que fuxa nin tanto “Xo! que pare
Nin tanto ao mar nin tanto á terra
Nin dous nin douscentos
Nin moito aló nin moito acó

    

3.- Negar as dúas posibilidades, os dous extremos, e máis a totalidade do que se pode incluír no que eles representan:

El nese asunto nin ata nin desata

Neste caso, para ben entendermos o sentido, poderiamos utilizar un verbo que englobe os dous significados, acompañado do adverbio de cantidade nada (ou nadiña, que aínda é máis expresivo e intensivo). No exemplo proposto viría sendo El nese asunto non decide nadiña/non manda nadiña.

Naturalmente, esta terceira posibilidade, este sentido absoluto, débese desprender do contexto da utilización da frase, e o normal é que o teñan unha serie de locucións como nin pouco nin moito, nin arre nin xo ou nin pía nin toa. Por exemplo: 

Non comeu nin pouco nin moito (= non comeu nadiña)
Eu chamaba, e el nin “Arre!” nin “Xo!” (=non se movía en absoluto)
Ti vela? Nin pía nin toa. (=non reacciona nada)

Esta última expresión (nin pía nin toa) que hoxe citamos utiliza os verbos piar e toar como sinónimos de ‘non emitir ningún son, non dar sinais de vida’ e de aí pasa a ‘permanecer silencioso e inmóbil, non facer caso ningún’. Unha  variante da locución, co mesmo significado, é nin toa nin zoa.

E lembremos para remate (aínda que neste caso o nin…nin… está incorporado á palabra) un expresivo modismo galego: ser un ninguén que vai para ningures. A frase viría equivalendo ao español ser un don nadie ou non pintar nada.

Despidámonos, xa, cun fermoso arrolo tradicional:

Non te troco, meu meniño,
non te troco, meu amor,
nin pola prata da lúa
nin polo ouro do sol!

Por nadiña!