PALABRAS CON MEMORIA

Se non te abrigas, logo non digas...

Se non te abrigas, logo non digas...
En tempo de neve é máis probábel que a xente ande con cachorreira
En tempo de neve é máis probábel que a xente ande con cachorreira  

Cachorreira.- Dise que ten cachorreira a persoa que ten catarro e non lle para de pingar o nariz. Mormeira.

Lugar de escoita.- Cuntis (Pontevedra)

Fonte.- Andrés Lombardía C.

Outros apuntamentos.- Sinala a fonte a posibilidade de derivar de cachón.

 

Desalarpado.- Andar co pescozo desabrigado.

Exemplo: “Abrígate que vas moi desalarpado”.

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- Endl de Navia

 

Desgargallado.- Co pescozo desabrigado. Desalarpado.

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- Endl Navia.

 

Espaxarelado/a.- Co pescozo ao ar, desabrigado. Desgargallado/a, desalarpado/a, espescozado/a.

Lugar de escoita.- Lamas do Biduedo, Vilarantón...

Fonte.- Endl de Navia

 

Espescozado/a.- Co pescozo ao ar, desabrigado. Desgargallado/a, desalarpado/a, espaxarelado/a.

Lugar de escoita.- A Fonsagrada.

Fonte.- Endl de Navia.

 

Pitela.- (Ademais doutros significados xa rexistrados) Mocos.

Lugar de escoita.- Negreira.

Fonte.- Marta Dacosta.

Outros apuntamentos.- Aclara a fonte que a palabra foi recollida a unha muller de Negreira por un mariñeiro chamado Antón Parada.

 

Talanqueira.- (Ademais de significados xa rexistrados) Trancazo, catarro, gripe.

Lugar de escoita.- Son (Navia de Suarna).

Fonte.- Endl Navia de Suarna.

 

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

 

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo [email protected]aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.

 



x