COMO DICILO?

O alén

Cemiterio de Oleiros (Vilalba). Foto: Wikipedia.
Cemiterio de Oleiros (Vilalba). Foto: Wikipedia.  

O alén: o outro mundo no que os vivos queremos crer para nos acollermos ante a idea de desaparecer para sempre. Un mundo que ás veces o tabú da morte nos fai evitar de mentar. Dicimos sinxelamente alá. Non é preciso concretar, pois tanto quen fala como quen escoita sabe ben que ir alá é morrer, finar, acabar, rematar, derramarse de súpeto:

Alá vai o espello ! Alá vai a festa ! Alá vai a tranquilidade !

O  seu irmán xa vai alá hai oito anos.

Unha maldición tradicional era a de Alá irás, lobos te coman! E ante alguén ou algo que desapareceu hai moito tempo, constatamos: Onde el /ela vai! Vaiche bo/boa! 

Temos tamén en galego e en portugués unha frase tradicional coa que expresamos o noso desagrado e a nosa decepción ante unha repentina perda da que nos laiamos: Alá vai todo canto Marta fiou! , é dicir, ‘Derramouse o traballo todo, perdeuse o esforzo feito’. En ocasións podemos atopar que o protagonista habitual non é Marta, senón María ou Marica. Non sei se esta dualidade Marta/María fai alusión ao evanxeo e á vida de Cristo ou se a muller que fía é unha representación da Parca que ten na súa man o fío da vida. Tampouco non é aquí o lugar de tratalo,  limitarémonos a sinalar que noutras áreas próximas culturalmente á nosa —como é o caso da Provenza— tamén se alude ao tempo recuado como o tempo no que Marta fiaba.

Descoñecemos a existencia da frase en español. Un equivalente, canto ao sentido, sería Nuestro gozo en un pozo!

Naturalmente, ese sentido específico teno o alá (con ir) só nestes contextos, pois nos outros conserva o seu significado primeiro e literal de adverbio de lugar:

-E non dixeches que túa nai ía ir á farmacia ?

-Xa vai alá.

Reaparece Marta como protagonista noutra locución tamén moi empregada en galegoportugués: Morra Marta e morra farta, unha expresión coa que se xustifica comer de máis ou comer daquilo que lle pode facer mal ao corpo (mais non á larpada nin á larpeirada). É como se dixéramos (e por veces dicímolo, pero coa lingua pequena): De algo hai que morrer! Ou como o coñecido dito español Lo que no mata, engorda.

E xa que estamos a lembrar os defuntiños e defuntiñas faremos unha incursión rápida e discreta nese terreo tan ricaz lingüísticamente e tan íntimo como é o da morte. Sinalaremos tres mecanismos habituais na creación de locucións ben expresivas para aludir ao acto de morrer. Nuns casos, a frase constata a reacción corporal que o momento leva emparellado (dicimos así, por exemplo, Enfriárselle o ceo da boca ou, en símil animal, Recachar o rabo), noutro a finalización do traballo habitual, da vida laboral activa e o relevo que se produce (Deixar a ferramenta/ Pasar a ferramenta), e no outro, o feito de ser enterrado na proximidade familiar do cementerio da aldeíña, nunha alusión chea de humor mais non exenta de respecto : Irlle gardar os pitos ao señor abade / Irlle contar os pitos ao crego. 

Sexa no outro mundo do alén ou neste, aquí mesmo, á nosa beira, o importante é que as finadiñas e finadiños teñan acougo .

Como dí a frase tradicional: Que en paz estean !



x