COMO DICILO

O día dos burros

O día dos burros
Orneos de burro non chegan ao ceo
Orneos de burro non chegan ao ceo  

Non sei se seguirá a celebrarse por algunhas terras galegas o “día dos burros”. Cando eu viñen vivir ao Morrazo -hai máis de corenta anos- celebrábanse aínda reminiscencias: unha boa parte do alumnado do Instituto de Cangas gastáballe unha broma a compañeiros e compañeiras contándolles un suceso moi esaxerado pretendendo que o crera, outros e outras penduraban un macaco de papel no lombo dos demáis e había quen pintaba  do revés na carteira con xiz a palabra “burro” para lla escribir no lombo a outro calcándolle. Era o que se chamaba “meterlle un burro” a alguén.

O primeiro de abril (O primeiro de abril van os burros onde non teñen que ir, proclama un noso dito) é unha festa tradicional que se veu celebrando en Europa dende a Idade Media ligada á rexouba, e ao destronamento carnavalesco, á derruba, momentánea e controlada, da orde establecida. En Francia segue a ser o día equivalente ao dos Inocentes español. Na Galiza, o testamento ou o sermón do burro teñen formado parte das burlas do Entroido. O burriño, tantas veces aldraxado e abusado, recibía momentáneamente o mando e o rango na inversión da xerarquía.

Chámalle burro ao cabalo! dicimos así con sorpresa ante cualidades insospeitadas de alguén, e daquela, na nosa consideración facémolo pasar de burro para cabalo, para a primeira categoría. Claro que tamén se pode dar o caso contrario, o descenso, a degradación, é dicir pasar de cabalo para burro. Diferenciamos ben as dúas castes de cuadrúpedos e por iso, cando falamos  de alguén o de algo que comeza con moita fogosidade e de súpeto para, dicimos: Arrancada de cabalo e parada de burro. Certo que tamén as veces referímonos indistintamente a un ou outro animal como por exemplo en Burro morto, cebada ao rabo! –que pode aparecer como Cabalo morto, cebada ao rabo!- cando algo resulta xa fóra de tempo pois é tarde de máis.

Na Galiza, o testamento ou o sermón do burro teñen formado parte das burlas do Entroido

A pensar morreu un burro lanza unha mensaxe negativa que entronca co problema atribuído ao filósofo medieval Buridán polos seus contrarios.

Orneos de burro non chegan ao ceo, dise para desestimar e desacreditar as protestas dos disconformes. Desdeñosamente afirmamos que non son perigosos (non has morrer de cornada de burro) e para caracterizar unha acción totalmente inapropiada e inútil dicimos que é como darlle sopas de mel a un burro.  Porén, como ciumentos de que a ese “ser inferior” lle poida ir ben na vida, afirmamos: canto máis burro, máis peixe.

Convén, daquela, ter a situación ben controlada, ter o burro pola corda (locución equivalente á española tener la sartén por el mango) e evitar pegar do burro para que outro o monte, evitar que outro se aproveite do noso traballo.

O pacífico burriño, a burriña, que panda con todo, cun traballo que a canga e un trato que moitas veces a asoballa. Bo é que tamén de cando en cando lle expresamos o noso agarimo:

    

    A miña burriña cando vai pra o muiño, vai
    toda enfariñada, cheiña de frío.
    Cheíña de frío e máis de xeada, ai!
    A miña burriña sempre vai cargada!