ANÁLISE

O espello do idioma

O espello do idioma
[Imaxe: Correlingua] Unha imaxe do Correlingua,  serie de carreiras reivindicativas en prol dos dereitos da lingua galega que transcorren polas distintas comarcas de Galiza.
[Imaxe: Correlingua] Unha imaxe do Correlingua, serie de carreiras reivindicativas en prol dos dereitos da lingua galega que transcorren polas distintas comarcas de Galiza.  
María Pilar García Negro, profesora da UDC, escritora e colaboradora de Sermos Galiza, é especialista en sociolingüística. Analiza para este medio os resultados do inquérito que o Instituto Galego de Estatística (IGE) fixo públicos a pasada sexta feira.

Unha primeira consideración: nun contexto diglósico, como o galego, lingua declarada non é equivalente a lingua real. Falar “só” galego ou máis galego que español, para moitos falantes, significa practicalo, por continuidade ambiental, no ámbito familiar-privado, sen cuestionaren o cambio de idioma noutros espazos e funcións. Isto é, a “naturalidade” do uso do español con interlocutores descoñecidos ou lugares e funcións sociais e públicos non se advirte. Véxase como os mesmos suxeitos entrevistados recoñecen este cambio cando se dirixen ao médico, aos profesores, ás administracións públicas, á banca, ao comercio ou no lugar de traballo.

En segundo lugar, por baixo e por fóra de constatacións demoscópicas, a pura e dura comprobación empírica dá para verificar a escandalosa exclusión ou presenza exigua do galego en todos os ámbitos e funcións con efeito multiplicador. A cativa e inmodificada (36 anos!) Lei de Normalización Lingüística nen sequer se aplicou naqueles dominios de competencia autonómica. O galego “oficial” preséntase así como un residuo ritual-amortizábel, raquítico, sen a menor capacidade ou virtualidade normalizadora.

En terceiro lugar, o inquérito do IGE pon á vista o que é un clamor para quen o quixer ver e ouvir: a aceleración da perda do idioma galego na infancia, o que leva a un estrañamento do proprio e nacional, encanto se mantén a hexemonía do español e unha familiarización crecente cun repertorio vulgar do inglés. O galego, estranxeiro na súa patria... Non é só unha manca de transmisión familiar-xeracional; é unha falta de oferta que determina a ausencia de demanda e o mantemento dunha baixísima motivación para se integrar no galego de forma normal.

En cuarto lugar, o galego continúa a ser un idioma ágrafo para a maioría da povoación. Fóra de minorías conscientes e leitoras ou consumidoras de produtos en galego, non existen espellos escritos -sociais e públicos- que favorezan a reprodución posterior. De por parte, nen sequer esa minoría pode ser cualificada de monolingüe, porque está carente da necesaria devolución en galego dos seus parlamentos. A comunicación lingüística non é entre A e B: é social, abranxente de todos os axentes activa ou pasivamente implicados.

En quinto lugar, a reacción do goberno (?) galego ante esta enésima verificación da deriva negativa do idioma nacional resulta dun cinismo insuportábel. Falar de datos “positivos” ou de que somos un “modelo de convivencia entre linguas” só pode compararse coa actitude compracente e submisa do enterrador que espera cobrar axiña polo seu traballo. Como se pode falar de mantemento ou de avanzo en mantendo todas as trabas posíbeis para o aparecemento do galego, en reforzando disposicións directas da súa proscrición?!

En sexto lugar  -e en termos estritamente realistas-, cómpre recoñecer a eficacia da política lingüística oficial. Eficacia negativa, claro está, eficacia para mal, coa finalidade de anestesiar aínda máis unha povoación adormentada na naturalidade da pequenez e domesticidade de todo o seu, a comezar polo idioma distintivo de noso, o galego. Hai moitos anos que falei de táctica homeopática: a dosificación calculada dunhas racións minguadas de galego para ratificar a súa limitación, o dereito a unha existencia regulada, controlada, mínima e, como dixen, amortizábel, mais que dá unha aparencia de “inclusión” e dunha “normalidade” que non altera o esquema xerárquico: a hexemonía omnímoda do idioma oficial do Estado e a oferta subordinada dun anano galego que colme a adhesión afectiva que si pode ser maioritaria.

Racharmos a falsa naturalidade

Vainos a vida, en fin, en racharmos esta falsa naturalidade e en situarmos, dunha vez por todas, a cuestión da lingua no lugar social e político que merece, quer dicer, en decatármonos de como ela é o grande espello, o grande cruxol onde se advirte a posición de todas e todos nós, de todas as galegas e galegos, a respeito de nós mesmos, dos nosos dereitos como povo e da nosa aspiración a un futuro rexido por nós, como donos e responsábeis do noso destino. Non é, o da lingua, un item máis: é o baremo inmellorábel para medirmos esta nosa posición como colectivo.

A minoría galego-practicante consciente debe, en primeiro lugar, comprender a situación real do idioma galego; renunciar a calquer placebo estupefaciente; aspirar a deixar de ser minoría, para que o termo “normalización” adquira algún sentido; reparar nos atributos que definen unha lingua normal e, a partir deles, examinar canto lle falta ao galego aínda para selo... En suma, non se contentar ou resignar con onde o galego está, senón atendendo a onde non está, puidendo estar.

A final, unha reflexión, coido que oportuna: unha política lingüística proactiva (palabra á moda!) para co galego non se pode satisfacer só coa denuncia do mal que o fai a excluente e anti-galega política do PP e da Xunta, senón que debe esmerarse en captar falantes e escrebentes, en utilizar o ensino como alavanca e non como depósito rotineiro de subordinacións e de repeticións, en reclamar adoito a normal existencia oral e escrita do galego, en dar a valer a súa cultura, os seus valedores, a súa arte e historia conectadas á sociedade galega, ao seu pasado, ao seu presente e ao dereito a un futuro de nación, non de provincia española... Isto todo é labor de tempo, de paciencia e de perseveranza, non se esgota nunha campaña ocasional ou nunha manifestación anual que nos exima desa pedagoxía constante.

A situación é grave, mais, en téndomos consciencia dela, estaremos en condicións de a reverter, en beneficio non dun galego tradicional-diglósico que aceleradamente vai a menos, senón en beneficio de mínimos estándares de normalización en necesaria progresión.