NAS 12 MOBILIZACIÓNS DE QUEREMOS GALEGO

Miles de persoas piden no 17M "liberdade, igualdade e xustiza" para o galego

Miles de persoas piden no 17M "liberdade, igualdade e xustiza" para o galego

A demanda de “liberdade, igualdade e xustiza” para o galego da man da plataforma Queremos Galego protagonizou o Día das Letras Galegas. Doce mobilizacións decorreron noutras tantas cidades e vilas galegas para defender compromisos e políticas que permitan reverter a situación “crítica” do idioma propio.


En 2009 unhas poucas ducias de persoas, convocadas por Galicia Bilingüe, manifestábanse contra a “imposición” do galego. Unha mobilización inédita e que tivo resposta, pouco despois, nas ducias de miles de persoas que encheron a capital da Galiza na primeira mobilización convocada pola plataforma 'Queremos Galego' unha manifestación que foi unha ampla resposta social a un goberno do PP que comezaba a aplicar recortes á lingua. Dez anos despois daquela mostra de 'galegofobia', non hai a nivel de mobilización rastro daqueles que saíran á rúa a manifestarse contra un idioma. Dez anos despois, o 17M continúa a reunir miles de galegos e galegas na defensa da lingua propia do país.


Este 17 de maio foron 12 as mobilizacións convocadas por Queremos Galego noutras tantas cidades e vilas galegas. De Burela a Vigo, de Monforte a Compostela, pasando pola Coruña, Ourense, Pontevedra, Ferrol ou Lugo. Mobilizacións nas que o ambiente festivo e reivindicativo volveron a ser protagonistas, desafiando a ameaza de mal tempo. “Quero a miña lingua na túa boca”, pedía unha faixa en Compostela, cun lema xa clásico nas mobilizacións do galego. “Na Galiza, en galego”, resoaba en Vigo., outro clásico. "Por un futuro para o galego", "En galego mola todo moito máis"... pancartas e cartaces das manifestantes explicitaban ás claras o sentir das diferentes marchas.

 

Galegofalantes desde o berce e neofalantes, reintegracionistas e 'isolacionistas', tamén castelánfalantes. Nas mobilizacións había unha ampla representación do que é a sociedade galega que acredita no galego como un idioma de todas, unha lingua común, e que demanda políticas activas que garantan que se poida vivir con normalidade neste idioma.


Na mobilización de Compostela, a máis nutrida, houbo representantes do BNG, PSdeG, En Marea, Anova e Compostela Aberta. Tamén de sindicatos como CIG, CUT, CCOO ou UXT. De asociacións veciñais e culturais, de agrupacións deportivas, colectivos estudiantís... Unha representación dese rico tecido social foi quen leu o manifesto. A afluencia de persoas fixo que se tivese que mudar o remate previsto para a manifestación (Praza do Toural) pola Praza de Praterías, máis grande. “A situación do galego non é irreversíbel, pódese modificar garantindo os tres principios: liberdade, igualdade e xustiza”, insistían as manifestantes.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón denunciou o “escrache” de Feixóo e do Partido popular á lingua galega, indicando que é de “sentido común” que as galegofalantes desenvolvan a súa vida na lingua propia de Galiza; “sen ningún tipo de discriminación”. Lidia Senra (En Marea) exixíu á Xunta Xunta "que deixe de poñer paos nas rodas" formule "políticas activas" para protexer os dereitos lungüísticos das persoas galegofalantes.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu que Galiza ten unha “riqueza” no galego que precisa ser defendida e promovida e criticou a “extrema dereita” que ameaqza con “recentralización” e “ataques á diversidade”. Antón Sánchez, de Anova, acusou Feixoo de usar as institucións “do autoberno” para “facer política contra o galego” e que iso “non se pode permitir”.

Baixo o lema “Máis que nunca, Queremos Galego”, as diferentes marchas, concentracións e mobilizacións demandaron compromisos e medidas que revertan a actual situación “crítica” do galego. “Existen límites de todo tipo, tamén legais, para empregalo con normalidade; porque o goberno galego non só non exerce o seu deber estatutario de defender a lingua, senón que actúa en contra, en ámbitos decisivos como a educación, a sanidade, a xustiza ou os medios de comunicación; e porque hai unha nova ofensiva xudicial e política contra o galego como a recente sentenza do Tribunal Supremo contra a ordenanza de normalización lingüística do Concello de Lugo”, denunciou 'Queremos Galego'.

“Máis que nunca, queremos galego”, reiteraba o manifesto que se lía nas diferentes mobilizacións, “porque sen lingua non hai desenvolvemento social e económico, non hai liberdade posíbel, non hai igualdade, non hai xustiza. E sen liberdade, sen igualdade, sen xustiza non hai democracia”.