A Mesa pide a Jácome que cese no "autoodio" co galego

A Mesa pide a Jácome que cese no "autoodio" co galego

A Mesa reclámalle ao alcalde de Ourense que  "cumpra co seu deber de defensa e promoción do galego.


A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou os continuos ataques á lingua galega realizados polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, desde a súa toma de posesión o pasado mes de xuño. 

Para A Mesa, declaracións como as realizadas con motivo do pregón das festas de San Francisco, tales como “vamos a hablar en español, que se entiende mejor que el gallego”, son absolutamente vergoñentas e impropias do máximo representante da terceira cidade galega.

"O rexeitamento da lingua galega como sinal máis característico de Ourense, unha das principais capitais galegas", afirma o responsábel da Mesa en Ourense, Manuel Carniceiro, "é unha mensaxe de autoodio, un exemplo de desprezo polo propio da principal referencia institucional da cidade". "Se actúa así nalgo tan básico e elemental como a lingua", pregúntase Carniceiro, "como será no resto de cuestións que afectan á cidadanía?".

"É unha mensaxe de autoodio, un exemplo de desprezo polo propio da principal referencia institucional da cidade", afirma Carniceiro

A denuncia desta mostra de "odio á lingua galega" está a ser tramitada a través do servizo A Liña do galego que, xunto á Valedora e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, se dirixirá directamente á propia alcaldía para que a rectificación teña consecuencias prácticas a través do cumprimento das obrigas de promoción e defensa da lingua galega á que están obrigados todos os poderes públicos de Galiza.

A este respecto, o responsábel da Mesa na cidade de Ourense recoméndalle ao alcalde "como bo tratamento para deixar atrás o autoodio" que lea e aplique a Guía para o uso do galego na Administración local (2019-2023), ​editada pola entidade e enviada a todas as concelleiras e concelleiros eleitas no pasado mes de maio, incluído o propio Xácome.