COMO DICILO?

De ollo

Unha fotografía que enche o ollo
Unha fotografía que enche o ollo  

A palabra ollo, inicialmente ‘órgano do sentido da vista’, pode adquirir diferentes significados (o ollo dunha pataca, os ollos do queixo, o ollo dunha agulla, etc) e formar parte de numerosas expresións (a ollo, botar un ollo, ter de ollo, entrar algo ou alguén polo ollo, etc.) Moitas veces son significados e expresións comúns ao conxunto da área románica, aínda que outras son especificamente galegas (e portuguesas) como ter ollos esbugallados ou ollos de boi (grandes e saltóns), ollos de peixe morto (moi lánguidos, como en español ojos de carnero degollado) e mais encherlle o ollo algo ou alguén a unha persoa (gustarlle moito), regalar ou remelar os ollos (abrilos moito), etc.

Imos só comentar un feixiño de locucións galegas nas que entra a palabra ollo e que resultan moi interesantes.

 

Ter un ollo no gato e outro no prato é estar moi atento, moi vixiante a todo para non resultar perxudicado. Poderíamos dicir que é andar con cen (ou con mil) ollos. É un bo equivalente da expresión española estar ojo avizor. Verlle os ollos (o cu ou os cornos) á curuxa é atoparse nunha situación moi dificil, mesmo en perigo de morte; a frase está próxima a verlle as orellas ao lobo, común tamén co español ou co catalán. Lembremos que a curuxa e o moucho, aves rapaces nocturnas, son consideradas na nosa tradición popular anuncios de morte.

 

Ollo ao can! é un aviso de precaución, que dun contexto inicial de alerta ante un animal que podería mancarnos pasa a alertar en xeral nunha situación dada. Menos seria, mais humorística, e alixeirada a súa mensaxe pola rima, é a variante Ollo ao piollo!

 

Nun abrir e pechar (ou fechar) de ollos ‘moi rapidamente’ non é exclusiva do galego e o portugués pois existe tamén en castelán e catalán mais a variante nun chiscar de ollos, ou as locucións semellantes no virar dunha man ou nun vira-vira poden ser alternativas plenamente galegas.

 

Parecido é o caso de ser o ollo dereito de alguén ‘ser o preferido/a preferida’. Aínda que exista noutras linguas, podería ser unha expresión galega a relacionar con entrarlle polo ollo dereito [a alguén] ‘caírlle ben’ e non ver máis que polos ollos del ou dela ‘guiarse cegamente por unha persoa’. Igualmente aquí temos unha alternativa ben galega e ben familiar e utilizada: ser o chichí, o chis-chis ou o chiche de alguén ‘ser o seu preferido ou a súa preferida’. É equivalente á locución que o español, con diminutivo familiar, utiliza dicindo ser el ojito derecho dunha persoa.

 

Debemos sempre ter presentes, chantarmos nelas os ollos, as formas autenticamente galegas para usalas como cómpre. E mirar para elas sempre, aínda que sexa de esguello, de remelo. Nunca de reollo ou polo rabiño do ollo, que é calco do español.

 

A máis ver!



x