COMO DICILO?

Pano

De tal niño tal paxariño
De tal niño tal paxariño  

Na fraseoloxía das diferentes linguas  son abondosas as paremias, os ditos, que sinalan  como os descendentes, fillos e fillas, asemellan —quer no físico quer no comportamento— aos seus proxenitores e proxenitoras, pais e nais. En galego temos numerosos exemplos, e xa que estamos tratando en fíos, tecidos e panos, citaremos a locución De tal pano tal saia. A frase pode ter unha aplicación máis ampla e servir para sinalar que cunha causa dada, a consecuencia que cabe esperar é a que nos aparece. 

Co esquema construtivo desta frase podemos atopar outras do mesmo sentido: De tal niño tal paxariño/De tales terras tales nabos ou estoutra moi popular —e tamén existente en portugués— De tal pau tal racha, literalmente coincidente co español De tal palo tal astilla. 

Dígase dunha forma máis elegante ou expresiva (Sempre os cachos tiran ás olas/Fillo de peixe peixiño é) ou máis primaria e algo pexorativa (Fillo de porco marrau seguro/Ou nas unllas ou nos pés has imitar a quen es) a idea é que esa semellanza vÉn dada pola Natureza e non hai por que se avergoñar dela: Non erra quen aos seus asemella.

Andar con panos/paniños quentes caracteriza o que se entende como medias tintas, medias medidas, accións non axeitadas (igual que se a alguén enfermo lle aplicasemos simplemente ese pretendido remedio) e mais tamén se usa para caracterizalas de contemplacións, de compromisos finxidos que non constitúen a verdadeira solución a un problema.  Por similitude, facemos sinónima desa locución a de andar con panxoliñas que ten un aquel de curiosidade: unha panxoliña é un canto relixioso tradicional do Nadal e a orixe da palabra estaría no latín Pange lingua que comeza un coñecido canto eclesiástico. Non me veñas con panxoliñas viría sendo como Non me veñas con cancionciñas, con musiquiñas, onde estas son presentadas negativamente, seguramente pola incomprensibilidade dun texto latino.

Cando de alguén dicimos  que virou a chaqueta estamos falando en sentido figurado para sinalarmos que esa persoa mudou subitamente de pretendidas ideas, adoptando as contrarias por simple oportunismo. Dicímolo, daquela criticamente. A expresión existe en distintas linguas. En troco, Aínda rompe unhas mangas novas é unha frase puramente galega que gaba a boa saúde de alguén de idade: aínda lle habería durar moitos anos unha prenda nova. 

E se esoutro día falabamos do xastre das Baíñas e do do Vío-vío, hoxe citaremos outro ben pavero, o de Barcia: O xastre de Barcia / éche tan agudo / que toma as medidas / por un garabullo. Escusa metro.

Hai persoas que non son xastres nin costureiras e mais tamén —figuradamente— cortan panos coa lingua, e de aí que moitas veces dicimos delas que están afíando a lingua (ou o peteiro) pois o que fan é criticar con forza a alguén, normalmente ausente, como se estivesen a picar con agullas de coser e a cortar con tesouras. Dicimos figuradamente que lle están cortando un vestido ou facéndolle un traxe a alguén.

Velaí unha cantiguiña que lles quere ben. 

        Onte mesmo, pola tarde,
        unhas lerchas de veciñas
        cortáronme o meu vestido.
        E sen tomarme as medidas!

Mellor que o xastriño de Barcia, pois nin garabullo precisaron, seica.

Mais a agudeza dos xastres non a teñen. Novo exemplo, estoutro, do que fora coser a unha casa e lle deron a escoller merenda :

       -Ovos ou magras, xastriño ?    
        Que merenda quer mellor ?    
        -Pois logo, miña señora,
        tortilliña de xamón.

    

Érache parvo!


 



x