O Parlamento insta a Xunta a abrir diálogo con Castela e León para garantir o ensino do galego no Bierzo

O Parlamento insta a Xunta a abrir diálogo con Castela e León para garantir o ensino do galego no Bierzo
[Pintada nun muro do Bierzo]
[Pintada nun muro do Bierzo]  

A proposta foi presentada polo BNG e conseguíu o apoio de todos os grupos nunha emenda 'in voce'.


O poder lexislativo enviou esta terza feira unha mensaxe clara ao goberno galego. Todas as forzas do arco parlamentar coidan un "retroceso" a orde aprobada polo executivo de Castela e León pola que se exclúe o ensino do galego do horario lectivo nos cursos de Bacharelato. 

Así o manifestaron esta terza feira na Comisión 4ª de Educación e Cultura ao aprobaren, por unanimidade, unha proposición impulsada polo Bloque Nacionalista Galego na que se insta a Xunta de Galiza a "avanzar no proceso de diálogo" entre esta e a Junta á fin de "potenciar" medidas que "melloren" a ensinanza da lingua e culturas galegas nos territorios do Bierzo, a comezar pola incorporación desta materia ao "horario lectivo" no Bacharelato. 

Un acordo "de mínimos"

O acordo foi 'in voce', isto é, nunha emenda presentada a viva voz na propia Cámara polo deputado do Partido Popular Agustín Baamonde. Un acordo "de mínimos", en verbas da autora da proposción, Ana Pontón, mais que reflicte a "preocupación" do Parlamento de Galiza nunha cuestión "central" como é o dereito a coñecer a lingua propia do país e, tamén, de territorios limítrofes con este como O Bierzo.

Na Comisión soaron as verbas do estudante Daniel Bernardo cando a deputada do BNG deu leitura á carta que este publicou en Sermos Galiza  

Tanto o grupo parlamentar Mixto como AGE e PSOE amosaran previamente a súa disposición de apoiar a Proposición non de lei rexistrada inicialmente polo BNG, porén, a emenda achegada polo grupo popular no último momento garantíu a aprobación da iniciativa. 

A deputada nacionalista, Ana Pontón, trasladou á Cámara a voz de Daniel Bernardo, estudante de galego no IES Padre Sarmiento de Vilafranca, ao dar leitura á carta publicada en Sermos Galiza a pasada semana. Desta maneira, a parlamentar defendeu o "dereito" do estudantado --e tamén do profesorado-- a estudar lingua galega con todas as garantías e non como materia extraescolar como recolle a orde de implementación da LOMCE. 

Pontón lembrou o "mandato legal" que obriga a defender o ensino da lingua propia de Galiza dentro e fóra das súas fronteiras como recolle o Estatuto de 1981, a Lei de Normalización Lingüística e o propio Acordo bilateral asinado co goberno de Castela e León en 2010.