EDUARDO SANCHES MARAGOTO

“A partir de agora a AGAL vai ter unha única norma con variantes”

“A partir de agora a AGAL vai ter unha única norma con variantes”
Eduardo Sanches Maragoto, novo presidente da AGAL [PGL]
Eduardo Sanches Maragoto, novo presidente da AGAL [PGL]  

Eduardo Sanches Maragoto é desde o outono pasado o novo presidente dunha AGAL que vén de apostar por unha confluencia normativa que acepte tamén o padrón portugués, subindo á maré do importante aumento de alumnado desta lingua que se está a dar en todo o país. Só neste curso os estudantes de portugués medraron un 114%.


–    O pasado outubro gañastes as eleccións da AGAL case á búlgara. Ademais da proposta da confluencia normativa, cales son os proxectos que estades a levar adiante?
–    Temos dúas liñas de traballo principais. Unha que é o acompañamento da Lei Paz Andrade e a outra é o reforzamento entre a identidade galega e o reintegracionismo. Ambas as propostas facían parte do programa electoral e foron aprobadas por maioría esmagadora, como dicías. A primeira considerámola urxente porque é unha oportunidade histórica do reintegracionismo. O Parlamento decidiu que tres dos obxectivos históricos que tivo o noso movemento eran estratéxicas para Galiza. E nós queremos empurrar todo o que sexa posíbel para efectivizar esa lei, sobre todo no ensino. De feito, en colaboración con outras entidades, como Docentes de Portugués na Galiza ou a Academia Galega de Lingua Portuguesa, estamos levando información a todos os centros de ensino para informar das posibilidades de introducir o portugués. A outra ten máis que ver coa comunicación, e pretendemos amosar á sociedade un reintegracionismo aberto a colaborar co conxunto da comunidade lingüística galega. Queremos estar moi presentes no movemento normalizador en xeral e interaxindo con el, e para iso creamos ferramentas para mellorar o galego no Twitter, temos un canal de Youtube que está a ter moito éxito, imos estar presentes en datas emblemáticas da cultura galega, como por exemplo, no día 24 para reivindicar a Rosalía, logo as Irmandades, Manuel María, etc.

"O reintegracionismo recoñece con este paso que se pode ser reintegracionista de moitas maneiras"

–    En canto ao da iniciativa Paz Andrade, desde aquel anuncio do Goberno, con Feijoo e o presidente portugués, non se soubo máis do tema.
–    A iniciativa Paz Andrade foi unha iniciativa popular do movemento reintegracionista e o que é chamativo é que foi aprobado por unanimidade por todas as forzas do Parlamento. E iso é un feito insólito, moitas poucas leis conseguiron na Galiza iso. Nós xa sabiamos que o difícil ía ser implementala, que pasase do papel ao ensino, aos medios... por iso consideramos que o reintegracionismo ten unha oportunidade histórica no sentido de empurrar. Debemos esixirlle ás institucións que a cumpran pero non debemos esquecer que a sociedade civil ten que estar presente facendo propostas para que se cumpra. E niso estamos. 

–    Houbo avances despois daquel anuncio?
–    O que é un feito é que se o portugués avanza é grazas ao esforzo de moitísimas persoas que o están facendo avanzar en cada centro de ensino. E tamén que o portugués no último ano aumentou moitísimo: pasou de 861 alumnos o curso anterior a 1.841 este. É dicir, medrou un 114% nun só curso. Entón, é verdade que a administración está facendo deixación de responsabilidades neste asunto, pero tamén é verdade que as persoas síntense reforzadas nos centros de ensino para faceren o seu traballo e para impulsar iniciativas neses sentido. Entón a lei é importante. Outra cousa é que dependendo do Goberno vaise cumprir máis ou menos, pero é a sociedade civil a que ten que esixir que se cumpra. 

–    Outra das vosas liñas de traballo que está a ter moito éxito é a editorial Através.
–    Si, é outra das liñas. De feito, este consello representa unha liña continuísta aos dous consellos anteriores. É un dos grandes éxitos da AGAL nos últimos anos. Están a publicar a un ritmo de un libro por mes, e poucas editoras independentes o poden dicir. 

–    Escritores de sona empezan a publicar en reintegrado.
–    Aínda que iso non quere dicir que logo teñan que pasar a escribir en reintegrado, como é o caso de Helena Miguélez, que acaba de gañar un premio grazas a ese libro en Através.

–    Aproveitastes ocos que había no sistema literario galego. Porque se ningunha editora quixo publicar ese libro...
–    O reintegracionismo, sobre todo a través das súas relacións coa Lusofonía ten que aproveitar esa oportunidade e estao facendo. Nós tamén distribuimos por Portugal. 

–    Que tal de resultados alí?
–    Os resultados non teñen que ver só co produto. Ten que ver com moitas outras cousas, co coñecemento do autor, con estar integrado nos circuitos culturais dun determinado país, e sempre van ser máis pobres que na Galiza, pero non por iso temos que deixar de aproveitalos. 

"Temos que recoñecer que moitas persoas chegan máis facilmente hoxe en día á nosa proposta ortográfica a través do estudo do portugués que do coñecemento ou do estudo da nosa norma ortográfica concreta"

–    Vaiamos xa ao tema da confluencia normativa…
–    Foi o resultado dun debate público e aberto que rematou nunha asemblea e foi apoiado de forma amplísima polos socios. E con ela recoñecemos que no reintegracionismo había dúas tradicións gráficas que se diferenciaban basicamente en que as palabras que acaban en -on nas nosas falas podían ser representadas con -om ou con -ão. E a AGAL até antes desa asemblea só recoñecía unha delas, pero moitos socios utilizaban a outra, ou as dúas dependendo do contexto. E, despois dun debate, que eu penso que foi superfranco, a asociación decidiu que non valía a pena presentar dúas normas á sociedade, cando había diferencias moi pequenas entre as dúas, así que decidimos camiñar no sentido que xa o fixeron outras linguas, como o valenciano e  o catalán, ou mesmo o portugués e o brasileiro no acordo ortográfico de hai uns 25 anos. Entón a partir de agora a AGAL vai ter unha única norma con variantes en vez de ter dúas normas. Sería un proceso moi semellante ao que aconteceu no propio galego oficial coa normativa de mínimos e a normativa oficial antiga. Na práctica isto facilita a colaboración entre os reintegracionistas e tamén coas propias institucións e con organismos de todo tipo. 

"O portugués no último ano aumentou moitísimo: pasou de 861 alumnos o curso anterior a 1.841 este. É dicir, medrou un 70% nun só curso"

- En que escribe, por exemplo, a directiva da AGAL?
Eu, por exemplo, escribo niso que antes se coñecía como a norma da AGAL, pero agora vai ser ampliada, vai ser máis flexíbel. E eu vou continuar a escribir exactamente no mesmo que escribín sempre. 

- Isto da confluencia produciu unha fuga na Comissom Lingüística da AGAL, con demisións, que está en ‘stand-by’ até abril. 
- Efectivamente houbo persoas que se foron, aínda que moi poucas, porque consideran que a AGAL se debía limitar a defender a norma que creou nos anos 80, mais a sociedade mudou moitísimo desde entón e esa norma necesitaba unha ampliación porque xa moitos socios usaban outras variantes, máis próximas do portugués, e iso no fondo non deixa de ser algo parecido ao que aconteceu na normativa oficial entre os partidarios dos mínimos e do ILG. Todos están recoñecidos na nova norma e digamos que axuda a clarificar o panorama. 

- Usaches o pasado para referirte á norma AGAL. Podémoslle seguir chamando norma AGAL?
- Si, a norma AGAL vai ser ampliada, iso foi o que decidiu a asemblea, pero ás veces utilizo iso en pasado para que se entenda ben o concepto. Porque hai persoas que aínda se seguen a referir á norma AGAL exclusivamente á terminación -çom, por exemplo. Ou o indefinido feminino umha. A partir de agora tamén van ser recoñecidas as outras formas, como moitas outras normas do mundo. 

- Esta nova asociación, a Associaçom de Estudos Galegos, di que van establecer o padrón da AGAL. 
- Eu non me quero meter nas declaracións que eles fan, pero nós, a AGAL, vai dar cabida a calquera uso gráfico que teñan os reintegracionistas, tamén o deles. Digamos que a norma da AGAL está escrita desde o ano 83 e esa norma vai figurar toda, absolutamente toda, nesta nova norma. O reintegracionismo recoñece con este paso que se pode ser reintegracionista de moitas maneiras, que non hai unha única maneira de chegar ao reintegracionismo. Antigamente chegábase só ao reintegracionismo a través dunha vía, que era a vía militante, asociativa, e as persoas ían aprendendo esa norma como podían neses ámbitos, pero esa norma non tiña ensino nin medios de comunicación que as puidesen proxectar, como teñen as normas, entón o reintegracionismo agora recoñece outras maneiras, a través do ensino do portugués, da emigración a Portugal, da Internet, etc. 

- Agora xa hai deputados en Madrid reintegracionistas, non?
- Si, hai dous, que eu saiba. 

- Cal é o outro?
Raimundo Viejo por Barcelona, que é un reintegracionista histórico, e pola Coruña Antón Gómez-Reino. Son reintegracionistas de práctica, publicamente exprésanse en reintegrado. 

 "O noso obxectivo debe ser falar coa sociedade no seu conxunto, non só cos que teñan interese en debates lingüísticos ou filolóxicos"

- Un dos demisionarios da Comissom Lingüística, Mauricio Castro, denunciaba unha deriva cara ao “lusitanismo”. El reivindicaba unha posición nacional e alertaba nesta entrevista de que hai xente que asume que a loita do galego está perdida e que a única solución é o portugués…
- Eu creo que iso non é verdade, o que pasa é que o reintegracionismo ten que ler os momentos nos que estamos, e agora mesmo non fai moito sentido o debate filolóxico ou normativo. Non estamos ás portas dunha negociación coa normativa oficial para negociar se imos poñer ç ou z, nh ou ñ. Os obxectivos da AGAL e desa asociación son idénticos: reforzar a cultura galega a través da relación co mundo portugués, mais a AGAL o que fai é recoñecer que hai moitas maneiras de dalo e que non é só o confrontamento normativo ou a discusión filolóxica a única actividade á que se debe dedicar o reintegracionismo. Hai moitas maneiras de ser reintegracionista, de chegar a el. E o noso obxectivo debe ser falar coa sociedade no seu conxunto, non só cos que teñan interese en debates lingüísticos ou filolóxicos. O reintegracionismo, polas circunstancias en que se encontra agora tanto el como o conxunto da cultura galega, ten que se esforzar en dar a coñecer outras variedades do galego no mundo, en conseguir que as variedades galegas teñan contacto con outras e non en discutir a acentuación, por exemplo. Porque ese interese non existe máis que en certos círculos, mais nós queremos ampliar a nosa influencia, e para iso temos que recoñecer que moitas persoas chegan máis facilmente hoxe en día á nosa proposta ortográfica a través do estudo do portugués que do coñecemento ou do estudo da nosa norma ortográfica concreta. Esa é a cuestión, pero en absoluto nós estamos avogando por nada parecido ao lusitanismo, de feito temos unha liña de traballo -que está a ser superdesenvolvida- que se encarga de desfacer preconceptos en relación a iso, de facer notar que existe unha relación enorme entre a identidade galega e as propostas do reintegracionismo.