COMO DICILO?

Paxariños, de Henrique Harguindey

Paxariños, de Henrique Harguindey

É lóxico que para expresarmos as voces, os sons, que emiten determinados animais, acudamos á onomatopea, á  transcrición ou imitación  deses sons. Temos así, en galego ouvear/oular para o lobo ou o can, miar/miañar e outras para o gato, mear para a ovella e a cabra, urrar para o gando vacún e outros animais bravos, etc. Mesmo o noso habitual berrar ten unha orixe onomatopeica da que xa, co uso, non somos conscientes.

 

Tamén piar/chiar ten orixe na onomatopea que lembra  o pi-pi,  chi-chi dos paxariños.  Se queremos facer máis expresivo o verbo podemos dicir pipiar/ chichiar ou aínda rechouchiar. Eses chíos e rechouchíos expresan os harmoniosos trinos.

 

Piar/chiar pode aplicarse ás persoas, maiormente para expresar réplica, protesta, resposta discrepante, como en  Cando ti llo lembraches non piou ou en El escoitoute e non deu chío. En español, o equivalente sería no dijo ni pío ou no rechistó.

 

Reparemos en que o verbo chiar expresa tamén un ruído agudo e por veces desagradábel -e mais o chiar dos ratiños- e que con el formamos a expresión chiarlle [a alguén] os ouvidos, que en castelán ven sendo cantarle los oídos.  Anotemos a maiores un emprego moi recente de chío: nas redes sociais da web utilízase  para denominar cortas mensaxes en comentario a unha noticia ou a outro comentario previo.

 

 E variantes de chiar como chilar, chirlar, chirlear e nomes como chirlo, chirlomerlo e outros teñen evidente relación con esa onomatopea.

 

 Sinalaremos que do latín pīpĭonem ‘paxariño’ derivou un francés pigeon e un italiano antigo e rexional pippióne do que procede o español pichón (en galegoportugués chamámoslle pombo). Parécenos evidente que a inxenuidade atribuída ás crías dos paxaros e das aves (e por extensión dos humanos) vai de par coa facilidade de seren enganadas  estas criaturas que teñen aínda moi pouca experiencia da vida.  É así que un pipiolo / unha pipiola, en galego é un novato/ unha novata, alguén que está, como se dixeramos, aprendendo a voar.

 

En español a palabra  podería ser un galeguismo se temos en conta ese sufixo expresivo e caracterizador –olo (como en pedrolo, barrigolo ou paiolo) e mais que, con ese significado,  pipiolo aparece máis tarde en español que en galego. Item máis: o galego ser un pipiolo está en liña con ser un pimpín ou ser un parrulo para caracterizar as persoas noviñas e inocentes ás que se engana con facilidade. Neste sentido, a frase equivalente en español sería ser un pardillo.

 

Non sempre en galego parrulo/parrula teñen esa leve carga negativa; pola contra son moi usadas como expresión de agarimo, maiormente cos pequerrechos e pequerrechas: meu parrulo, miña parruliña. Igual que rula/rulo ou rola/rola (outra palabra de orixe onomatopeica) que como parella representa o paradigma da fidelidade dos namorados.

 

E como pensamos que xa moitas lectoras e lectores do Sermos coñecen a bonita lenda tradicional que xoga cos nomes do chasco e do pimpín (velaquí unha versión  en galiciadigital.com/opinion/opinion.10246.php ) reproduciremos o  xogo onomatopeico protagonizado polo pombo e recollido hai anos polo filólogo Anibal Otero :

 

Dicíalle o pombo á femia namentres facían o niño

 

- Pon, pon! Pon, pon por aquí! Pon, pon!  Pon, pon por alí!

           

Até que ela, cansa de tantas advertencias, lle replicou  enfadada:

 

- Pon, pon, pon tu!  Xa que tanto sabes, faino tu!

 

Merecida resposta, non sí?

 



x