NAI DUNHA CRIANZA GALEGO-FALANTE DISCRIMINADA

“O que pide a miña nena é que non se humille a ninguén máis en Casas Novas por falar galego”

“O que pide a miña nena é que non se humille a ninguén máis en Casas Novas por falar galego”

Os ataques por falar galego foron tan fortes que a nena abandonou o campamento de verán en Casas Novas, malia o moito que lle gustan os cabalos. A empresa, da familia de Amancio Ortega, devolveulle os cartos. A nai da nena, que prefire reservar a súa identidade, cóntanos como viviron a represión polo uso do galego no centro hípico. 


A discriminación por razón de lingua sofrida por unha nena de 10 anos galego-falante produciuse nun campamento de verán no Centro Hípico Casas Novas, de Arteixo. Este centro xestiónao unha empresa que preside Flora Pérez, a muller de Amancio Ortega, o máximo accionista de Inditex.

-Vostede denunciou a humillación á que foi sometida a súa filla por falar galego por parte das monitoras de Casas Novas, foi un ataque xeralizado de todo o persoal?

En especial foi de dúas monitoras. Había un monitor que se dirixía a ela en galego mais non era o que se trataba máis con ela.  Eu vin como, pouco a pouco, a monitora foi meténdose con ela preguntándolle por que falaba galego e indo logo a máis. A nena íame contando até o pasado venres que foi cando lle dixeron que tiña que falar castelán. 

-Como reaccionou vostede?

Chamei e dinlle un toque á organización xa no primeiro momento. A nena dicíame que a monitora do obradoiro lle comentaba que non entendía o que dicía, cando aínda non se decatara da razón. Eu, desde o primeiro momento intuín que era por falar galego pero chamei e díxenlles: “Quero pensar que isto non é pola lingua!”. A nena exprésase ben e, por iso, xa me decatei de que era unha discriminación por falar galego. 

"Onde máis sufría era no obradoiro porque era cando máis se falaba e, mesmo así, dicía que ía intentar seguir porque logo cos cabalos xa non era tanta a presión".

-Tardou a nena en darse conta de que o trato era por falar galego?

A pequena é unha namorada da hípica, encántanlle os cabalos e, polo tanto, eu quería tirarlle importancia porque é o sitio que nos queda máis a man para a súa afección. Onde máis sufría era no obradoiro porque era cando máis se falaba e, mesmo así, dicía que ía intentar seguir porque logo cos cabalos xa non era tanta a presión. É unha nena que razoa moito e, ao comezo, non entendía que fora pola lingua mais a partir do terceiro día xa se decatou. A miña non é unha nena que cambie de lingua así como así e vai a un colexio na que é a única que fala só galego. É moi peleona, ten carácter. 

-Se é como vostede a describe, o ataque tivo que ser moi forte para ela mesma, co que lle gustan os cabalos, decidira non volver ir...

Foi quen decidiu abandonar o campamento e entón Xabier P. DoCampo dixo que había que chamar e, cando menos, que lle pediran desculpas á nena. Alá fomos e as escusas que nos deron foron de obriga. A persoa que máis a humillara nin falou. Fixeron un paripé na mesma porta do centro en corenta segundos, nin nos pasaron para dentro. O xerente, o encargado do campamento, foi o que nos dixo que foramos por alí mais non valeu para nada. A mesma nena saíu dicindo que, para iso, mellor era que non nos fixeran ir. 

-A actitude foi tan dura como as frases que denuncia a Mesa?

Foi. Nós estamos contando a realidade, nada que non pasara.  As frases foron duras, foron. Unha das que nos contou era que “si todos aquí hablamos castellano tienes que hablar castellano”. Aí foi cando nos plantamos. 

-Que explicación deron por parte da empresa? 

Que foi un malentendido. 

"As frases foron duras, foron. Unha das que nos contou era que “si todos aquí hablamos castellano tienes que hablar castellano”. Aí foi cando nos plantamos". 

-Como levou a nena todo este proceso?

Mal. Non quere falar do tema. O primeiro día viña encantada polo moito que lle gustaba o tema dos cabalos. É moi extrovertida mais o segundo día xa viña de capa caída. Tiña pagado dúas semanas e decidiu non continuar. 

-Devolvéronlle os cartos cando dixo que non volvería pola represión da lingua?

Devolveron. 

-A noticia provocou unha grande conmoción e a Mesa convocou unha concentración diante de Casas Novas, como ve esa mobilización?

A nós estanos sorprendendo moito todo. Preferimos non dar os nosos nomes nin datos que poidan identificar á nena mais xa recibimos moitas chamadas de apoio. O da mobilización parécenos ben, o tema é que non lle pase a ninguén máis. A nena é tamén o que pide. 
 



x